Ir o contido principal
STG

O 8M apela a seguir avanzando “cara a un horizonte universitario e social igualitario”

Estudantes nun laboratorio da USC. FOTO: Santi Alvite
Estudantes nun laboratorio da USC. FOTO: Santi Alvite
A USC conmemora o Día Internacional das Mulleres coa lectura do Manifesto da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria e cun amplo abano de actividades que se desenvolven nos campus de Santiago e Lugo

Cada 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, a USC conmemora ritualmente, xunto coa Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria (RUIXEU), “a posibilidade dunha nova sociedade” porque “non é posible a excelencia nin a calidade sen a igualdade”. O Salón Nobre do Colexio de Fonseca acolleu este mércores 6 o acto institucional no que María José López Couso, vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC, deu lectura ao manifesto da RUIXEU no que se reivindica “seguir avanzando cara a un horizonte universitario e social igualitario que permita combater os sexismos mentais inconscientes, a división sexual do traballo académico, as desigualdades derivadas da fenda de coidados e da fenda salarial de xénero, a segregación vertical e horizontal por sexos que historicamente impediu a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes”.

No acto presidido pola delegada do reitor para a Igualdade, Marta Pérez Pereiro, tamén interviñeron a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Sandra Vázquez Domínguez. A sesión serviu tamén para recoñecer o traballo desenvolvido pola Unidade de Atención Psicolóxica pola súa traxectoria en prol da igualdade de xénero na USC. O acto contou coa conferencia 'Muller e saúde mental' a cargo da directora da Unidade, Ana López Durán, quen recolleu o galardón xunto a Pilar Bárcena e Sara Purcell.

De xeito paralelo ao acto que se desenvolveu en Compostela, o Campus de Lugo tamén se suma ás reivindicacións do 8M a través da palestra 'Feminidade e industria musical' que corre a cargo da artista e cantautora galega María Xosé Silvar, Sés. O relatorio ten lugar este mércores 6 de marzo, a partir das 19.00 horas, no Salón de Actos 'Profesora Ana Goy Diz' da Facultade de Humanidades. A axenda completa de actividades que os diferentes centros da USC desenvolven co gallo do 8M pode consultarse na páxina web de Igualdade.

Corresponsabilidade

A lectura do manifesto da RUIXEU será punto de encontro para a comunidade universitaria en diferentes centros da USC ao longo desta semana. O texto pon o foco nos postos de liderado e nas máis altas escalas de recoñecemento investigador e docente, onde é importante aumentar a presenza de mulleres para facer que o mundo académico sexa máis equitativo. Neste senso, saliéntase a maternidade como unha das causas do abandono da carreira científica xunto coa “pouca ou nula aplicación de medidas para fomentar a corresponsabilidade”. O documento RUIXEU destaca que “é imprescindible e urxente situar as políticas de igualdade no deseño e na execución dos cambios que veñen e dotar as unidades de igualdade dos recursos suficientes e da interlocución política adecuada para cumprir cos novos mandatos legais que se lles suman aos preexistentes”. Acadar a igualdade de xénero e o benestar das mulleres en todos os ámbitos, continúa o manifesto, “é máis crucial ca nunca se queremos xerar economías prósperas e acadar un planeta saudable”.

Así, o texto propón unha serie de ideas para favorecer espazos equitativos na distribución da carga de traballo: a implementación de accións positivas, o apoio ao embarazo e coidado de persoas dependentes con permisos parentais flexibles e a non penalización en procesos competitivos, a organización de actividades en horario que facilite a conciliación, e a loita decidida contra a discriminación sexista e contra o acoso sexual e a promoción dunha cultura de respecto, de igualdade e de tolerancia cero cara a calquera forma de discriminación e de prexuízo.

Doutra banda, o texto tamén destaca como “o ecosistema dixital se converteu nun dispositivo novo de discriminación e de violencia, con grandes implicacións para a academia e para a ciencia”. Neste senso, cómpre acabar “coa subrepresentación documentada das mulleres en liña e as imaxes dixitais que exacerban o nesgo de xénero e o sexismo”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.03.2024.