Aberta a matrícula no obradoiro ‘Mellora o teu discurso oral’
Todo o alumnado universitario debe falar regularmente en público de xeito formal, para expoñer un traballo ou para responder un exame oral. Mais a nosa tradición educativa non nos fornece pautas para facelo con seguridade e tranquilidade. Para solucionar este baleiro o Servizo de Normalización Lingüística organiza o obradoiro ‘Mellora o teu discurso oral’. Quen se inscriba no curso adquirirá habilidades sociais, como perder o medo a falar en público ou a dominar a linguaxe non-verbal, e competencias discursivas coas que aprender a artellar un discurso oral estruturado, adecuado, coherente e cohesionado, e a manexar os diversos tipos de argumentacións. Finalmente, de xeito transversal melloraranse as competencias lingüísticas orais en galego. Organizado por vez primeira a pedimento da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía con grande éxito de participación, as clases serán eminentemente prácticas, con moito traballo individual e en grupo, para analizar situacións comunicativas formais e profesionais, e para preparar supostos que se gravarán, visualizarán e comentarán. O obradoiro, que se dirixe a toda a comunidade universitaria que posúa un nivel de Celga 4, terá lugar entre o 20 de abril e o 6 de maio en Filosofía, en oito sesións de dúas horas, de 19.00 a 21.00. Para participar cómpre matricularse ata o 15 de abril, cun custo de 30 euros, a través do web do SNL.
A USC emitiralles un diploma de asistencia e bo aproveitamento no cal figurará o número de horas correspondentes (25 horas) a aqueles alumnos e alumnas que superen a avaliación. O obradoiro ten recoñecido 1 ECTS por competencias transversais (lingua galega) para todas as titulacións de grao.