Aberto o prazo para inscribirse nas accións formativas da Rede Eusumo

A USC acaba de abrir o prazo de inscrición nas accións formativas e de promoción da economía social no marco do programa de actuacións 2022 da Rede Eusumo. As persoas interesadas poderán optar por deseñar o seu programa a medida elixindo entre formación en liña para ‘Emprender baixo fórmulas da economía social’, webinars para ‘Fortalecer o teu proxecto de economía social’, busca de financiamento ou asistir á terceira edición da mostra de economía social da USC.
O programa de formación e promoción da economía social deseñado pola Universidade de Santiago está dirixido, principalmente, ao alumnado universitario, a persoas emprendedoras con proxectos de economía social, a empresas de economía social que aposten por un salto de escala e outras empresas que queiran transformarse en entidades de economía social. Estes colectivos terán a posibilidade de seleccionar o seu programa a medida e inscribirse nas accións (formacións, busca de financiamento e mostra) que máis lles interese. O prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro 6 de maio a través desta ligazón ou contactando a través do mail proxectoeusumo.usc [at] gmail.com (proxectoeusumo[dot]usc[at]gmail[dot]com)
“Os obxectivos principais son fomentar o emprendemento a través da mellora dos coñecementos e as competencias, incentivar a creación de empresas de economía social, reducir o tempo de posta en marcha dos proxectos e favorecer o salto de escala de proxectos de economía social”, apuntan dende a organización do programa. En concreto, dáselle pulo a dúas formacións de 15 horas de duración, unha delas en modalidade en liña na que se formará as persoas participantes en como ‘Emprender baixo as fórmulas da Economía Social’. A outra formación, impartida a través de webinars en directo, versará sobre contidos que favorezan o salto de escala dos proxectos de economía social, así como mellorar as habilidades das persoas emprendedoras, denominándose ‘Fortalece o teu proxecto de Economía Social’.
Así mesmo, este programa completase cun foro de financiamento responsable e unha mostra de economía social na que se desenvolverán relatorios sobre temáticas de actualidade e oportunidades de emprendemento, mostraranse boas prácticas en materia de economía social e darase a oportunidade a proxectos de economía social en fase de creación ou de recente creación para presentar os seus proxectos.
Pódese obter máis información a través do enderezo electrónico proxectoeusumo.usc [at] gmail.com (proxectoeusumo[dot]usc[at]gmail[dot]com) ou no teléfono 687 33 37 09. A iniciativa enmárcase no programa de actuación 2022 da Rede Eusumo, unha rede de colaboración impulsada pola Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia para o fomento do cooperativismo e a economía social e conta co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social.