Aberto o prazo de inscrición do congreso internacional ‘Valle-Inclán e as artes’
‘Valle-Inclán e as artes’ é o lema do congreso internacional que a Facultade de Filoloxía acollerá do 25 ao 28 de outubro promovido pola USC a modo de conmemoración do 75 aniversario da morte do escritor galego á vez que o centenario de Voces de gesta, obra emblemática da relación entre as artes e a literatura, argumento do encontro. A Cátedra Valle-Inclán da USC encárgase da organización desta iniciativa na que concorren prestixiosos especialistas, así como especialistas en artes plásticas, música ou cine, con conferencia plenarias e comunicacións. O programa deseñado profundará nas relacións do escritor e a súa obra coas artes, no marco das correntes artísticas e o pensamento estético do seu tempo. A relación do autor co mundo artístico do seu tempo; o escritor visto polos pintores, debuxantes e caricaturistas; o seu pensamento estético; a súa faceta como crítico; a edición ilustrada valleinclaniana; as artes plásticas e imaxe na súa obra; a relación coas artes escénicas ou a música; así como as adaptación cinematográficas e televisivas son algúns dos bloques temáticos nos que se artellarán as intervencións presentadas.
O prazo de inscrición xa se pode formalizar, estando a disposición das persoas interesadas unha páxina web coa información do encontro en http://www.usc.es/gl/goberno/vrrelins/catedras/valle-inclan/congreso.html.