Aberto o prazo para presentar propostas aos orzamentos participativos
O Concello de Santiago fai un chamamento ao estudantado da USC para facer propostas relacionadas con actividades ou programas
Os orzamentos participativos (OP) son unha ferramenta de participación, deliberación e xestión en que a cidadanía fai propostas e decide o destino de parte do orzamento municipal. O Concello de Santiago mantén aberto ata o 9 de febreiro o proceso para facer propostas relacionadas con actividades ou programas: festivais e concertos, campañas de sensibilización, accións formativas, obradoiros, etc.
Logo da fase de realización de propostas, no que pode participar calquera persoa, botará a andar o período de votacións, aberto só a persoas nadas entre 1996 e 2010, empadroadas en Santiago de Compostela, así como aquelas que estudan ou traballan no concello, acreditando con documentación pertinente.