Abordan nun congreso en Filoloxía as transformacións académicas e tecnolóxicas da xermanística
Reflexionar sobre as fórmulas que adoptan os estudos de lingua e literatura alemá para facer fronte ás transformacións é un dos obxectivos do congreso internacional ‘Xestionar as convulsións: A Xermanística en tempos de mudanza’ que organiza esta semana en Filoloxía o grupo de investigación LITLINAL da USC.
O encontro busca favorecer o debate ao redor das repercusións temáticas e didácticas da revolución dixital e do saber interdisciplinario na Xermanística. As persoas organizadoras pretenden responder a cuestións relacionadas coas posibilidades que as humanidades dixitais lle ofrecen aos estudos de Lingua e Literatura Alemá ou as transformacións que poden supor as dixitalizacións no eido da tradución.
O impacto da globalización no ensino e a aprendizaxe de linguas e culturas estranxeiras e as rupturas históricas na construción da subxectividade e o seu mundo na literatura e a cultura son outros dos temas a tratar na xuntanza, que se desenvolve dende este mércores 13 ata o sábado 16.
No congreso participan conferenciantes de universidades estranxeiras e españolas de recoñecido prestixio como Christiane Nord, MIchaela Holdenried ou Marisa Siguán, e contarase coa participación de estudantes, investigadores, profesionais do ensino, tradutores e interesados na Xermanística en xeral.
Obradoiro de edición dixital
No marco do congreso terá lugar ademais un obradoiro de introdución á edición Dixital de textos, que impartirá Valentín Carrera. O obradoiro é unha mostra da actividade que se leva a cabo na Facultade de Filoloxía no ámbito das humanidades dixitais.
Nas diversas sesións trataranse conceptos básicos da migración dixital para logo profundar na dixitalización de textos e os diversos programas cos que se traballa. O obradoiro rematará co tratamento do marcado e almacenamento de textos e a xestión e publicación de contidos accesibles de humanidades dixitais en web.