Abordan nunha monografía por vez primeira a peregrinación do rei D. Manuel I de Portugal a Compostela en 1502
A profesora de literatura portuguesa na USC e investigadora do iLTIUS, M Isabel Morán Cabanas, profundou nunha liña de investigación dedicada á peregrinación feita pelo monarca luso D. Manuel I de Portugal a Santiago de Compostela no outono-inverno de 1502, “unha das que máis marcará e contribuirá á consolidación e patrimonialización do Caminho Portugués”.
A investigación, recentemente publicada na obra Poesia, Espetáculo e Peregrinação a Santiago de Compostela na Corte Portuguesa (Peter Lang, 2025), foi levada a cabo baixo unha perspectiva multi e interdisciplinaria: social, histórica, artística e literaria, mais esta última área atinxe no libro unha abordaxe especial, xa que a autora parte dun texto incluído no Cancioneiro Geral, compilado polo intelectual e cronista rexio Garcia de Resende.
Nesta colectánea, saída do prelo na Lisboa de 1516, inclúese un texto rimado co fin de celebrar o regreso do monarca peregrino nunha procesión coa imaxe de Santiago sobre un carro e músicos que acompañaban as voces que cantaban. Precisamente, a orixe desta monografía, en que pola primeira vez se aborda detalladamente a visita de D. Manuel ao Apóstolo (motivos e xustificacións, lugares, comitiva etc.), vincúlase ao proxecto ‘Peregrinación a Compostela na orixe do teatro portugués: a carruaxe do Apóstolo Santiago e o rei D. Manuel en escena perante a Corte portuguesa’ (2021), subsidiado pola Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da USC.
A autora confirma na obra a ligazón da peregrinación á realidade e ao imaxinario das viaxes ultramarinas portuguesas (especialmente, as expedicións á India, unha das cales foi feita nese mesmo ano). Recóllense performances relativas á peregrinación xacobea en espectáculos da corte, como festas casamentos luso-casteláns e celebracións do Nadal, e descóbrense novas referencias literarias ao Apóstolo como mediador en amores, entroncado con outras alusións rexistradas na lírica galego-portuguesa manuscrita.
Por primeira vez na tradición dos estudos xacobeos, explica Isabel Morán, cabe subliñar que “se profunda no estudo do grupo de nobres peregrinos-poetas que acompañaron o rei (entre eles, un irmán de leite), sendo identificados agora todos cos seus títulos, funcións, conexións sociais e producións literarias”.
O lector percorre, da man da autora, o itinerario realizado, atendendo especialmente ás súas pegadas no patrimonio material e inmaterial ao longo do traxecto portugués (Lisboa-Valença do Minho) e galego (Tui-Compostela). Entre outros aspectos innovadores na historia dos estudos xacobeos, unha atención especial merece o agasallo dunha luxosa lámpada de prata ofrecida por D. Manuel I á catedral de Santiago e o rescate de novos espazos lisboetas, como o de Santos-o-Velho, para a historia da peregrinación real a Compostela.
Tras unha análise rigorosa do poema en que se homenaxea o rei peregrino e se reconstrúe o contexto escenográfico da súa interpretación cantada, o estudo revisa a súa proxección no século XX. Neste sentido, destácase o aproveitamento por experiencias neotrobadorescas en Galiza e América e na serie televisiva de carácter documental e teatral de Radio Televisión Española en 1971, para conmemorar o Ano Santo e de cuxo roteiro foi encomendado ao polifacético Antonio Gala (1930-2023).