Abre en Lugo o ciclo de cinema 'África, francofonía e outras linguas' co filme senegalés 'Madame Brouette'

O filme senegalés ‘Madame Brouette’ (Moussa Sene Absa Senegal, 2004, 104 min) inaugura este martes 3 de marzo o ciclo de cinema francófono ‘África, francofonía e outras linguas’, organizado pola sección de francés do Centro de Linguas Modernas (CLM) e que se desenvolverá ao longo de todo o mes no salón de actos da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo.
Este primeiro filme, que se proxectará ás 19:45 horas, narra a historia dunha muller divorciada cunha nena, que sobrevive empurrando a súa carretilla polas rúas dun mercado de Dakar. Ademais de por de manifesto a situación das mulleres nos diferentes países africanos, o ciclo inclúe tamén filmes de temática política dentro do continente, sempre cunha visión de protesta.
O CLM destaca como obxectivo fundamental deste ciclo o reflexo do francés como un idioma que convive a diario coas outras linguas africanas. De feito, nas cinco longametraxes que se proxectarán ao longo do mes de marzo, non aparece exclusivamente o francés como lingua para comunicarse, senón que aparece integrado co uso cotiá das linguas propias das distintas zonas de África nas que se desenvolven as historias. No caso de ‘Madame Brouette’, a historia desenvólvese en idioma francés e en wolof.
Ademais da importancia lingüística dos filmes, o CLM procurou para este ciclo de cinema francófono producións actuais e nas que destaca sobre todo a denuncia social e política.