Abre a matrícula para unha nova edición en Santiago do curso de iniciación ao voluntariado e cooperación

O Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC desenvolverá proximamente en Santiago unha nova edición do seu curso de Iniciación ao Voluntariado e Cooperación que permitirá coñecer os principios da acción voluntaria e diferentes experiencias desde o punto de vista das organizacións e das persoas voluntarias. O prazo de matrícula, que deberá facerse en liña, permanecerá aberto ata o 23 de setembro. O curso está recoñecido con dous créditos de libre configuración sempre que se realicen o 90 por cento do total das horas e coa entrega dun informe final para a avaliación do aproveitamento. Os contidos das xornadas –que terán lugar na Facultade de Matemáticas os días 25 e 26 de setembro e o 2, 3, 9 e 10 de outubro– agrúpanse en nove módulos que conforman o marco de referencia no que se desenvolve un proxecto de voluntariado. As temáticas a abordar incidirán en aspectos relativos á atención á diversidade, voluntariado e idade, cooperación e educación para o desenvolvemento, voluntariado e saúde, medioambiente, inclusión social e outras formas de participación como o voluntariado cultural, o asociacionismo universitario ou o benestar animal. As persoas interesadas en conseguir máis información poden poñerse en contacto co Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC no Campus de Santiago nos teléfonos 881812858 e 881812859.