Abre o prazo para participar nos Encontros na Zona USC do Campus de Lugo

Os Encontros na Zona USC seguen a ser punto de achegamento para estudantes de ensino medio de toda Galicia que desexen coñecer de primeira man a oferta docente e de servizos da Universidade de Santiago de Compostela. Do 11 ao 19 de febreiro, será posible inscribirse nos Encontros que terán lugar na sede universitaria luguesa e que se desenvolverán os días 25 e 26 deste mes.
Estes Encontros aproximan o estudantado preuniversitario ás facultades, escolas e servizos da USC, alén de ofrecerlle a oportunidade de recibir información sobre a oferta de estudos de grao. Cada estudante poderá elixir un percorrido, de entre os ofertados, en función das súas preferencias iniciais de maneira que visitarán aulas, laboratorios e outros espazos dos centros nos que se imparten os graos da súa preferencia. Durante o pasado curso académico, ao campus lucense acudiu un milleiro de estudantes procedente dunha vintena de centros.