Ir o contido principal
STG

Actividade de benvida ao alumnado internacional do Campus de Lugo

A proposta inclúe unha visita guiada pola cidade e un encontro con musical tradicional e unha queimada

O martes 30 de outubro está organizada unha actividade de benvida ao alumnado internacional que este ano realiza os seus estudos no Campus de Lugo. O programa inclúe unha visita guiada á cidade, con saída desde a Facultade de Formación do Profesorado (16.30 horas) e un acto oficial de benvida na sede da asociación Cultura do País (18.30 horas) na que non faltará a música tradicional galega e unha queimada gratuíta para todos os participantes. A actividade está organizada pola asociación Liga Estudiantil Galega no Campus de Lugo. Durante este ano académico pasarán polas aulas do Campus de Lugo case 200 estudantes estranxeiros; o grupo máis numeroso constitúeno os 89 brasileiros que estarán todo o curso como alumnos en varias titulacións na Escola Politécnica Superior e na Facultade de Ciencias. Convenios bilaterais con varios outros países latinoamericanos, alumnos de Erasmus e beneficiarios de bolsas posdoutorais Erasmus Mundus completan a presenza estranxeira no campus lucense, aos que tamén se suman un grupo de estudantes doutras comunidades chegados a través do programa Sicue.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.10.2012.