As Actividades de Verán ofertarán 860 prazas en actividades acuáticas, aeróbicas, de benestar e de aprendizaxe deportiva

Actividades acuáticas, aeróbicas, de benestar e lecer, así como de aprendizaxe deportiva integrarán a oferta da USC para as Actividades de Verán 2023 que estarán dotadas cun total de 860 prazas. Xa está aberto o prazo de inscrición para as persoas vinculadas á USC (Categoría A) que desexen participar nas actividades acuáticas que se desenvolverán ao longo do mes de xuño, así como para as de benestar e lecer, aeróbicas e kung-fu, está última dentro da categoría de aprendizaxe deportiva. As persoas alleas á USC poderán solicitar praza a partir do día 15 de maio. A vindeira semana darase a coñecer a oferta relativa ao Campus de Lugo. As inscricións e os seus correspondentes prazos poden consultarse na páxina web de Deporte na USC.
Actividades acuáticas
As actividades acuáticas ofertadas no mes de xuño serán aquagym, natación para persoas nacidas no ano 2008 e anteriores, natación 2009 e 2016, natación terapéutica, natación 1967 e anteriores, natación deportiva e natación tecnificación (máster). Para o mes de xullo, a oferta estará integrada por aquagym, natación 2008 e anteriores (iniciación), natación 2008 e anteriores (perfeccionamento), natación 2016 a 2009 (iniciación); natación 2016 a 2009 (perfeccionamento), natación terapéutica, natación tecnificación avanzada 2009 a 2015, natación tecnificación avanzada 2008 e anteriores, e natación de competición. As actividades de xullo abrirán o seu prazo de inscrición o día 1 de xuño para a categoría A e o día 8 dese mes para o resto de persoas usuarias.
Benestar, lecer e actividades aeróbicas
Ioga, mindfulness, pilates e tai-chi + chi-kung conforman a oferta que se desenvolverá ao longo de xuño e xullo nas Actividades de Verán 2023 da USC. No relativo a actividades aeróbicas, a institución compostelá oferta GAP + tono e zumba.
Aprendizaxe deportiva
Ademais de kung-fu, na modalidade de aprendizaxe deportiva e ao longo do mes de xullo impartiranse cursos intensivos de tenis e tenis de competición. A inscrición ábrese o 5 de xuño para a comunidade universitaria e o día 12 dese mes para o resto de persoas interesadas.