ADE fomenta a empregabilidade das persoas usuarias da Fundación Secretariado Xitano
Estudantado da materia Xestión de Persoas do grao en Empresa e Tecnoloxía que se imparte na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo está a colaborar coa Fundación Secretariado Xitano para fomentar a empregabilidade das persoas usuarias desta entidade. Esta iniciativa enmárcase dentro da novena convocatoria de proxectos de innovación educativa en Aprendizaxe-Servizo (ApS) da USC, unha metodoloxía educativa que integra os procesos de aprendizaxe coa realización de tarefas de servizo á comunidade. Nun marco de reciprocidade, o estudantado traballa sobre as necesidades reais da contorna, o que lle permite mellorar o coñecemento nunha disciplina e ampliar a súa responsabilidade social.
As actividades desenvolvéronse os luns 11 e 18 de novembro, da man do persoal da Fundación, e abrangueron dende unha campaña de sensibilización ata diversas accións formativas que buscan a mellora das habilidades dixitais e relativas á busca de emprego das persoas participantes. Este proxecto de ApS é froito da iniciativa do Grupo de Innovación Docente en Xestión Empresarial (GIDXE) e persegue que o estudantado da materia poida optimizar as súas competencias profesionais a través dun servizo que mellore a empregabilidade da mocidade de etnia xitana.
Liderar equipos diversos
En palabras da coordinadora do proxecto, Guadalupe Vila, “o carácter innovador da experiencia deriva do contacto coa realidade social da contorna”. A profesora Vila, tamén vicedecana da Facultade de ADE, subliña que “a xestión da diversidade é unha peza chave da xestión das persoas nas organizacións na actualidade. O noso estudantado no seu futuro laboral enfrontarase ao reto de liderar equipos de traballo polo que resulta fundamental que coñezan as diferenzas culturais das persoas integrantes dos seus equipos e abandonen os prexuízos e estereotipos discriminatorios contra determinadas culturas”.
Así mesmo, parte do estudantado, ben traballando en departamentos de xestión de persoas ou ben como supervisores, “terá unha participación activa nos procesos de recrutamento e selección de persoal”, sinala a profesora da USC. O contacto, a través desta actividade, coa poboación xitana, “contribuirá a favorecer a toma de decisións baseadas en principios de índole social e ética promovendo así a súa responsabilidade social”, conclúe.