Ir o contido principal
STG

Akademia Project busca estudantes de últimos cursos interesados no emprendemento e a innovación

O vindeiro 6 de outubro está prevista en Santiago unha presentación para toda persoa interesada

A USC e a Fundación Innovación Bankinter promoven a sétima edición de Akademia Project, un curso gratuíto que busca estimular a actitude innovadora e espertar o espírito emprendedor entre estudantes das principais universidades españolas. As persoas que o cursen terán a oportunidade de vivir o proceso completo de innovación, desenvolvendo un proxecto emprendedor coa axuda de emprendedores e business angels. Para formalizar a inscrición en Akademia Project hai que enviar un currículo a akademiafibk [at] bankinter.es (akademiafibk[at]bankinter[dot]es) antes do 11 de outubro. Ademais, o próximo martes 6, ás 12.00 horas no Salón de Graos da Facultade de Farmacia, está prevista unha sesión de presentación para todo o alumnado interesado. O curso desenvólvese en diversas universidades de toda España, e no caso da institución compostelá conta co apoio da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE). Formación diferente A través dun programa único, esta iniciativa aposta por unha formación diferente enfocada a desenvolver o pensamento creativo e a resolución de problemas con respostas innovadoras que acheguen valor. Ao longo do curso analizaranse tendencias clave de innovación na actualidade, da man de profesionais e emprendedores de primeiro nivel. Ademais, ao rematar o curso poderán realizarse prácticas en empresas nacionais e internacionais que apostan pola innovación. Akademia Project diríxese a estudantes de últimos cursos de calquera titulación universitaria que participarán en doce sesións ao longo de todo o ano, catro delas reservadas para que o alumnado desenvolva un proxecto emprendedor que será presentado na sesión de clausura ante un xurado formado por expertos, emprendedores e potenciais inversores.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.10.2015.