Alumnado de Farmacia da USC realizará prácticas nas cooperativas COFAGA e COFANO

O alumnado da Facultade de Farmacia poderá realizar prácticas externas de distribución farmacéutica en entidades asociadas á Cooperativa Farmacéutica Galega (COFAGA) e a Farmacéutica do Noroeste, Sociedade Cooperativa Galega (COFANO). Para poder realizar as prácticas, o estudantado deber ter superado un mínimo de 210 créditos do total dos 300 do título de grao e ou dos 315 totais da licenciatura. O proceso selectiva realizarase de acordo coa media do expediente académico obtida ao remata do semestre anterior á data de convocatoria das prácticas. Terá prioridade o alumnado do grao que computa as prácticas como curriculares fronte ao de licenciatura que opten pola súa realización. Os detalles deste programa de prácticas externas presentáronos publicamente este martes en San Xerome o vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa, Roberto López López, e a decana da Facultade de Farmacia, Isabel Sández, por parte da USC e os presidentes de COFAGA, Miguel Reviejo Ares, e de Farmacéutica do Noroeste, Sociedade Cooperativa Galega (COFANO), Manuel Muradas Otero. Estas prácticas forman parte do acordo de colaboración en accións formativas Aula de Farmacia-USC-COFAGA-COFANO e permitirán a formación práctica do alumnado de grao e licenciatura da USC no ámbito da distribución farmacéutica. Cada alumno ou alumna que realice as prácticas contará cun titor académico e outro das propias entidades colaboradoras. O alumnado da licenciatura que supere o período de prácticas obterá un recoñecemento equivalente a un crédito por cada 30 horas de prácticas ata un máximo de 15 créditos de libre configuración (equivalente a doce semanas de prácticas). O de grao que voluntariamente opte a este período formativo externo e que o supere, recoñeceráselle ata un máximo de nove ECTS , sendo necesario realizar un mínimo de 4,5 créditos ECTS. Para poder realizar a avaliación deste período, será requisito indispensable a asistencia ao 85% das horas de prácticas programadas. Nestas semanas abórdanse cuestións relacionadas coa distribución farmacéutica, sistemas de calidade e boas prácticas de distribución.