Alumnado de Matemáticas da USC e do IES Pintor Colmeiro de Silleda faise cos premios do concurso Explícoche Matemáticas 2.0
O vídeo Regra e compás , da autoría dos estudantes de 4º curso do Grao en Matemáticas Juan Ignacio Bedoya Cabanelas, Sebastián Buedo Fernández e Daniel Cao Labora, fíxose co premio do concurso de curtas Explícoche Matemáticas 2.0 na sección de universidade O xurado destacou a súa execución, con construcións xeométricas de coidada limpeza, onde imaxe e palabra se combinan para transmitir os contidos matemáticos dun xeito eficaz. Pola súa banda, o premio na sección de ensino secundario foi outorgado ao vídeo Centroide do Concello de Silleda , de Denise Varela Cornado, Sonia Troitiño Loureiro e Carlos Mato Rodríguez, estudantes do IES Pintor Colmeiro (Silleda). A curta combina harmoniosamente paisaxe e xeometría, debuxo e narración, conseguindo motivar o problema, explicando despois a súa solución matemática e realizándoa xeograficamente. Ademais, o xurado acordou conceder dúas mencións honoríficas. Unha, ao vídeo Hotel Hilbert , realizado por Tania Beiro, Andrea Rey e Alba Sendón Blanco, do IES Lamas de Castelo (Carnota), pola súa especial eficacia narrativa na presentación sinxela e visual da característica definitoria dos conxuntos infinitos. A outra a As matemáticas, a fonte da vida , do que son autoras María Casal Regueira, Carlota Fiaño Salinas e Sara Paz Pena, do IES Isaac Díaz Pardo (Sada), unha das varias e interesantes aproximacións ao Teorema de Tales que se presentaron, na que as figuras, humana e fonte, na ocasión, constrúen imaxes da semellanza de triángulos, nunha equilibrada e convincente narración a tres voces. O video Xeometría na area, dos alumnos de 2º de bacharelato do IES Carlos Casares de Viana do Bolo Victor Fernández Fernández, Paula Núñez Páez e Nerea Pérez Salgado, foi o mellor valorado polos internautas, que puideron ver os vídeos participantes no Mateblog, a web dos concursos matemáticos da Fundación Barrié. Explícoche Matemáticas 2.0 Explícoche Matemáticas 2.0, un concurso organizado en colaboración coa Fundación Barrié, ten como obxectivo promover a utilización do galego como medio de transmisión das matemáticas, así como a creatividade do alumnado, a través da realización de curtametraxes de dous minutos de duración nas que se explique en galego un tema relacionado coas matemáticas, ben desde un punto de vista formal (definición dun concepto, un teorema, idea intuitiva e/ou aplicación), ou ben, cun carácter divulgador, reflectindo como se utilizan as matemáticas na vida cotiá, na cultura, na arte ou na sociedade. Dirixido ao alumnado do Sistema Universitario de Galicia e a estudantes de 3º e 4º de ESO e 1º e 2º de Bacharelato dos centros de educación secundaria de Galicia, nesta cuarta edición presentáronse 32 vídeos, tres deles na sección de universidade e os restantes na de ensino secundario. O concurso conta co apoio do Servizo de Normalización Lingüística da USC e convócao a Facultade de Matemáticas a través da súa Comisión de Normalización Lingüística. Nesta ocasión, o xurado estivo composto por Victoria Otero Espinar (presidenta), Xosé M. Masa Vázquez, Manuel Bermúdez Blanco, Rosa Mª Fernández Rodríguez, Rubén García-Loureda Díaz, Celso Rodríguez Fernández, Mª Elena Vázquez Cendón, Alberto Cabada Fernández e Manuel Vilariño. O xurado, que destacou a elevada participación de estudantes de ensino medio “con traballos desbordantes de calidade e entusiasmo”, valorou distintos aspectos coma a corrección matemática e lingüística, a eficacia narrativa, a calidade técnica ou a orixinalidade.