O alumnado de últimos cursos de grao, máster ou posgrao xa pode formalizar a súa participación no Premio Académico AECOC 2014
O alumnado de últimos cursos de grao, máster ou posgrao de calquera titulación é o destinatario do Premio Académico AECOC 2014 que outorgará un primeiro premio de 3.000 euros e dous accésits de 1.000 euros nas categorías de Comercial-Trade Marketing, Supply Chain e Tecnoloxía Aplicada. Os traballos deberán ter sido elaborados entre o 16 de xullo de 2013 e o 10 de setembro de 2014 e deberán desenvolver algunha das prácticas de eficiencia promovidas por AECOC en España. As propostas poden presentarse en calquera formato e, a modo orientativo, fíxase unha extensión máxima de 30 páxinas. O prazo para a presentación de candidaturas remata o 10 de setembro. Como novidade nesta convocatoria incorpórase a concesión dun premio Especial Nestlé para a realización dun programa de prácticas en empresa de seis meses de duración ao/á estudante seleccionado entre os candidatos e candidatas que se presenten. Na primeira edición desta convocatoria concedéronse sete premios, entre eles o primeiro da categoría Comercial-Trade Marketing, dotado con 3.000 euros, recaeu en Vanesa Eirís, alumna da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC. Os restantes foron parar a estudantado das universidades Autónoma de Madrid, Politécnica de Madrid, Politécnica de Valencia e Zaragoza. Ademais da dotación en metálico, os/as premiados/as tiveron a oportunidade de coñecer persoalmente a altos directivos do gran consumo en España. O premio académico de AECOC forma parte do programa Universidade-Empresa que a asociación puxo en marcha en 2012 e que na actualidade conta cun total de 37 universidades de toda España adheridas. AECOC, Asociación de Empresas de Gran Consumo, agrupa a máis de 25.000 compañías e é unha das maiores asociacións empresariais española e a única en que fabricantes e distribuidores traballan conxuntamente para a mellora do sector a fin de achegar maior valor ao consumidor.