Alumnos galegos de secundaria visitan o Campus de Lugo co programa 'A Ponte'
Preto de 200 alumnos de seis institutos das provincias da Coruña e Lugo visitarán entre este luns 23 e mércores 24 o Campus de Lugo. Esta actividade enmárcase dentro do programa ‘A Ponte entre o ensino medio e a USC’ que pretende deste xeito dar a coñecer aos futuros estudantes a estrutura e os servizos que esta institución ten na capital luguesa.
As visitas guiadas partirán ás 10:45 horas da Residencia Universitaria Bal y Gay, dende onde os alumnos acompañados por un voluntario acudirán aos centros e facultades organizados por grupos segundo o seu interese en estudar titulacións de Ciencias da Saúde, Enxeñaría Técnica Industrial, carreiras de Ciencias Sociais e Xurídicas ou Ciencias da Educación e Humanidades. Para completar a estadía no campus e o coñecemento da cidade, pola tarde os institutos teñen programadas visitas guiadas pola cidade romana ou ao Museo Provincial.
O programa ‘A Ponte’ pretende achegar a universidade e os seus servizos aos estudantes de ensino medio e á sociedade en xeral, transmitíndolles información e respondendo a dúbidas que van desde a propia matrícula ou número de prazas por titulacións ata as bolsas ou saídas laborais das diferentes carreiras. Esta é a segunda edición destas xornadas, despois de que máis de 250 alumnos xa visitaran o Campus de Lugo o pasado mes de febreiro.