Ir o contido principal
STG

Álvaro Gago, Sara Faro ou Adrián Canoura, entre as figuras participantes no Facom Fest

O Facom Fest rematará o día 30 cunha gala de clausura en Ciencias da Comunicación. FOTO: Santi Alvite
O Facom Fest rematará o día 30 cunha gala de clausura en Ciencias da Comunicación. FOTO: Santi Alvite
O festival de cine do estudantado galego desenvolverase do 27 ao 30 de novembro
Santiago de Compostela

A segunda edición do festival de cine do estudantado galego, o Facom Fest, terá lugar entre o 27 e o 30 de novembro. As pezas enviadas polo estudantado de centros de toda Galicia á sección competitiva serán valoradas por alumnado da Facultade de Ciencias da Comunicación e profesionais do sector. Esta actividade desenvólvese co apoio da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura da USC.

O xurado profesional conta na categoría de ficción coa participación do cineasta Álvaro Gago, director de Matria, e Silvia Fuentes, produtora en Sétima e xefa de produción en O corno. Na de non ficción interveñen María Yáñez, creadora e directora da revista dixital Vinte e encargada da promoción de películas como O corno ou Matria, e Antía Carreira, responsable da autoría de Ola Baby (Video-ensaio sobre a miña depresión). Por último, na de videoclip participan Adrián Canoura, responsable dos videoclips de Baiuca entre outros, e cineasta con obras como Caerán lóstregos do ceo, e Sara Faro que xunto a María Soa forma o grupo musical Fillas de Cassandra. En canto ao xurado novo, as alumnas da facultade Aira Portos Rey, Marta García Pedreira, e Ximena Torrón Núñez presentáronse voluntarias para participar na valoración das pezas de ficción, non ficción e videoclip respectivamente.

Ademais de crear un espazo para que as novas xeracións de cineastas amosen as súas creacións, unha das intencións do Facom Fest é poñelas en contacto coa realidade profesional do sector audiovisual. Para iso, inclúe un programa de actividades formativas que complementa os coñecementos desenvoltos nas aulas. Concretamente, David Fidalgo, autor da webserie Cacola ou da curta Sandwich cat, compartirá os seus coñecementos sobre animación. Haberá tamén unha charla en torno ao material de arquivo e o patrimonio audiovisual en Galicia, na que participarán a investigadora María Soliña Barreiro, o historiador e membro do Cineclube de Compostela Julio Vilariño e a integrante do colectivo Memoria e Cinema Laura Piñeiro. Ademais, a comunicadora María Yáñez ofrecerá unha retrospectiva sobre a difusión cultural en Internet a partir da súa experiencia arredor da creación de contidos dixitais na revista Vinte ou o festival Carballo Interplay, e na promoción de obras audiovisuais como O corno ou Rapa. Haberá tamén dúas actividades especiais: unha en colaboración co Club de Cine da Facom arredor da videocreación, conducida por Adrián Canoura, e outra en colaboración co Club de Fotografía da Facultade que consistirá nun obradoiro de cianotipia no que os e as asistentes poderán coñecer e probar por si mesmos esta antiga técnica fotográfica.

Alén diso, dende o equipo de programación do festival elaborouse unha selección de artistas a incluír en paralelo á competición para exhibir as súas obras. A cineasta e montadora Lucía Estévez participará coa súa recente curtametraxe O neno sardiña, mentres o director de fotografía e creador de vídeos musicais Iago Vilarinho o fará cos seus clips para hydn ou RYMER. A videógrafa e fotógrafa Helena González intervirá coa sua curta MINHAMENINHA, así como a directora Paula Fuentes coa súa carta fílmica titulada Lucita.

O Facom Fest rematará o día 30 cunha gala de clausura cargada de sorpresas onde se darán a coñecer as pezas gañadoras, premiadas cun bono de 200 euros para utilizar en Elcom, unha tenda especializada en compoñentes electrónicos e material audiovisual. A gala será amenizada pola actuación de Gloria Pavía, unha artista pop con influencias de jazz vocal que compaxina a súa carreira musical coa súa labor de ilustradora, e que acaba de publicar o álbum Novas flores xunto a Dani Liñeira onde, unidos polo jazz e a música latinoamericana, compilan cancións sobre o amor e as flores silvestres. Posteriormente dará comezo na sala Moon o concerto de Migui Bouzó, artista vigués que presentou o mes pasado o seu album debut Cine i amor. Para finalizar a xornada haberá un dj set con Chris Indian e Ces en cabina.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.11.2023.