Ir o contido principal
STG

A análise de mostras de aire permite detectar de forma precoz nas granxas infeccións por Circovirus Porcino Tipo 2

Un porquiño nunha granxa de porcino
Un porquiño nunha granxa de porcino
As técnicas de análise ambiental desenvolvidas polo investigador da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC Gonzalo López Lorenzo na súa tese de doutoramento, dirixida por Gonzalo Fernández e José Manuel Díaz, melloran o control e favorecen a erradicación dunha enfermidade de gran impacto para o sector porcino
Lugo

O emprego de análises de mostras de aire permite detectar de forma precoz no ambiente a existencia de Circovirus Porcino Tipo 2 (PCV2) nas granxas de porcos, tal e como demostra a investigación de doutoramento que acaba de presentar este xoves na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC Gonzalo López Lorenzo baixo o título ‘Aplicación da detección ambiental do Circovirus Porcino Tipo 2 mediante o uso da PCR cuantitativa no estudo epidemiolóxico da infección’.

López Lorenzo aborda na súa tese, dirixida polos profesores da USC Gonzalo Fernández Rodríguez, da Área de Sanidade Animal, e José Manuel Díaz Cao, de Patoloxía Animal, unha nova forma de estudar as enfermidades que afectan ao gando porcino, valorando a súa presenza non só nos animais, senón tamén no ambiente no que viven, para o que cómpre a realización de análises de mostras das superficies das instalacións das granxas, así como dos seus bens e tamén do aire.

Os resultados obtidos no marco desta investigación revelan que hai granxas nas que se aplican pautas de vacinación fronte a PCV2 desde fai máis de sete anos que, pese a non contar animais infectados mediante análises convencionais, nas si que se detecta a presenza do virus en superficies dos almacéns, oficinas e mesmo no perímetro das granxas. Esta realidade pon de manifesto a necesidade de extremar os procesos de limpeza e desinfección, a fin de evitar así que estas localizacións se convertan en reservorios de Circovirus Porcino Tipo 2.

Alén destas consideracións, López Lorenzo advirte na súa investigación que o uso das mostras de aire permitiu detectar de forma precoz a infección en nas instalacións das granxas nas que se atopan os animais dúas semanas antes que mediante a mostraxe dun número representativo de porcos e a análise dos virus que presentan.

Daquela, as técnicas de toma de mostras e os resultados presentados nesta investigación de doutoramento desenvolvida por Gonzalo López Lorenzo representan un avance para o perfeccionamento dos actuais programas de control, ao tempo que constitúen unha valiosa ferramenta para a futura erradicación dunha infección que ten un notable impacto na industria porcina.

Tribunal de tese e cualificación

A catedrática da área de Sanidade Animal da Universidade de León Ana María Carvajal Ureña, o profesor titular da Universidade de Murcia Guillermo Ramís Vidal, e a profesora da USC Cristina Castillo, integraron o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Gonzalo López Lorenzo, que mereceu a máxima cualificación de sobresaínte cum laude.

 

De esquerda a dereita, Guillermo Ramís, José Manuel Díaz, Gonzalo López, Gonzalo Fernández, Cristina Castillo e Ana María Carvajal, na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC
De esquerda a dereita, Guillermo Ramís, José Manuel Díaz, Gonzalo López, Gonzalo Fernández, Cristina Castillo e Ana María Carvajal, na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC
Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.12.2021.