Analizan na USC a obra narrativa de Rosalía de Castro desde perspectivas críticas anovadoras
Cando faltan poucos meses para que se cumpran os 150 anos da publicación de Cantares Gallegos, o Grupo de Investigación Rosalía de Castro quere chamar a atención sobre os aspectos menos coñecidos e divulgados da obra da escritora galega. Con este obxectivo, o vindeiro luns 22 de outubro desenvolve o I Simposio Internacional sobre a obra de Rosalía de Castro ‘A Weapon in the Mud’ (‘Unha arma no barro’), un encontro científico dedicado á difusión e avance do coñecemento sobre a prosa da autora. O Simposio constitúe, asemade, unha actividade de intercambio científico entre o Grupo de Investigación Rosalía de Castro –que presentará publicamente os seus primeiros resultados- e destacados rosalianistas como o catedrático en estudos hispánicos e latinoamericanos na Universidade de Bristol, Andrew Ginger; a catedrática en estudos hispánicos na Universidade de Nottingham, Catherine Davies; e a catedrática en lingua e literaturas hispánicas en Stony Brook University, Lou Charnon-Deutsch. A xornada O encontro comezará ás 10.00 horas no Centro de Estudos Avanzados coa presentación do catedrático Darío Villanueva. A continuación intervirán as investigadoras do mencionado grupo Margarita García Candeira, María López Sández, Manus O’Duibhir e María do Cebreiro Villar. A xornada continuará cunha conferencia de Catherine Davies (autora da monografía clásica Rosalía de Castro no seu tempo, do ano 1987) na que se achegará á representación rosaliá do mundo natural, tendendo pontes co ecoloxismo literario. Xa pola tarde terá lugar o relatorio ‘Rosalía de Castro, bromista: estilo y época’ a cargo de Andrew Ginger que, ao se centrar na presenza de distintas facetas do humor (burla, sarcasmo, ironía, comicidade…) na obra da autora, permitirá matizar a consideración dunha Rosalía de Castro unicamente lírica ou saudosa. Por último, Lou Charnon-Deutsch centrarase na análise das novelas rosalianas desde o punto de vista da teoría das emocións e ilustrará o xeito no que a literatura contribúe á nosa maneira de imaxinar e de vivir as relacións. A xornada, que concederá un espazo relevante aos tempos de coloquio entre as persoas convidadas e os especialistas, rematará coa presentación, ás 19.30 horas, do monográfico da revista Grial ‘Novas olladas sobre Rosalía de Castro’. Será a decana da Facultade de Filoloxía, María José López Couso, quen clausure o encontro ás 20.00 horas.