Ir o contido principal
STG

Analizarán nunhas xornadas novas perspectivas para a conservación patrimonial a través da iluminación pública

Celebrarase na Facultade de Farmacia o día 20 con acceso libre ata completar o aforo

Unhas xornadas o próximo día 20 revisarán novas perspectivas para a conservación patrimonial a través da iluminación pública. Con acceso libre ata completar aforo, é unha sesión que se celebrará no Salón de Graos da Facultade de Farmacia organizada polo proxecto Light4Heritage, estratexias baseadas na iluminación para o control da colonización biolóxica no patrimonio construído.

Caracterización das luces, montaxes e estudo do sistema de iluminación no proxecto Light4Heritage é o tema co que Justo Arines, do grupo Photonics da USC, iniciará a quenda de intervencións a partir das 9.30 horas logo da presentación da xornada que realizará Patricia Sanmartín, investigadora principal do proxecto. Deseguido, Rafael Carballeira, do Centro de Investigación Científicas Avanzadas da UDC, tratará o efecto da luz sobre os microorganismos aplicado ao proxecto Light4Heritage e Javier Cancelo-González, do grupo GEMAP-USC, falará sobre a aplicación de técnicas non invasivas para a monitoraxe de resultados do mesmo proxecto.

A partir das 11.45 horas, o asesor no Concello de Santiago Javier Vázquez presentará os proxectos actuais e oportunidades por medio de compra pública innovadora (CPI) no Concello compostelá en materia de alumeado público, mentres que o enxeñeiro de Ferrovial Servicios Álvaro Piñeiro tomará a palabra co relatorio ‘Propostas presentes e perspectivas de futuro na iluminación pública’. A xornada rematará coa celebración dun debate sobre as cuestións tratadas. As persoas que o soliciten recibirán un certificado acreditativo de asistencia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.12.2017.