'Anda na Banda' liberaliza 300 exemplares de banda deseñada no Campus de Lugo
O ciclo adicado á banda deseñada ‘Anda na Banda’ distribuíu máis de 300 exemplares en distintos puntos da cidade de Lugo para o seu libre uso. Esta iniciativa organizada por Lugo Cultural pretende deste xeito achegar ao público en xeral este tipo de publicacións.
Os exemplares están gardados en 50 bolsas transparentes cun distintivo desta actividade e poden ser atopados en diferentes puntos do campus universitario, como a Facultade de Humanidades, a Oficina do Servizo de Integración e Participación Universitaria, a Oficina de Cultura, ou da cidade como a cafetería O Pousadoiro, a librería Totem, e espazos públicos como a Plaza de España, entre outros. Calquera persoa pode coller libremente os exemplares que lle interesen para leelos e voltalos a calquera destes puntos de encontro. Os exemplares liberados son publicacións de diferentes anos, escritas en galego e portugués.
As persoas interesadas poderán coñecer máis información sobre as publicacións liberadas e os puntos de préstamo na páxina web www.andanabanda.com, onde tamén poden dar a súa opinión ou unirse á iniciativa liberando os seus propios exemplares.
Mesa redonda e exposiciónO ciclo ‘Anda na Banda’ inclúe ademais outras actividades como a celebración dunha mesa redonda o mércores, día 11, ás 20:00 horas no Salón de Actos da Escola Universitaria de Formación do Profesorado para debater sobre o estado actual das publicacións de banda deseñada en Galicia. Participarán Carlos Portela, de ‘Viñetas dende o Atlántico’; Enrique Torreiro, organizador das xornadas do cómic de Ourense; Kiko Da Silva, de BD Banda; David Rubín, do colectivo Polakia; e o autor lucense Primitivo Marcos, moderados por Manuel Veiga.
Para completar o programa de actividades deste ciclo a Sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria acolle unha exposición coas vintedúas primeiras páxinas das historias de diferentes autores que se inclúen no novo número de ‘BD Banda’ que foi presentado en Lugo con motivo deste ciclo. A exposición ‘O Novo BD Banda’ permanecerá aberta ao público en horario de 9:00 a 21:00 horas ata o vindeiro 11 de maio.