Ir o contido principal
STG

Ángeles Romero, premiada en Ciencia, Formación e Investigación no marco dos premios Muller Rural Galicia 2026

A profesora Romero na recollida do galardón
A profesora Romero na recollida do galardón
Obter este galardón, dixo, “representa non só un logro persoal, senón tamén unha reivindicación: a necesidade dunha maior presenza das mulleres en todos os ámbitos, ocupando aqueles que nos foron historicamente negados”
Lugo

A catedrática en Tecnoloxía dos Alimentos da USC no Campus de Lugo, María Ángeles Romero Rodríguez, acaba de obter o premio en Ciencia, Formación e Investigación, no marco dos premios Muller Rural Galicia 2026 do Concello de San Xoán de Río.

Obter este galardón, dixo, “representa non só un logro persoal, senón tamén unha reivindicación: a necesidade dunha maior presenza das mulleres en todos os ámbitos, ocupando aqueles que nos foron historicamente negados. Fomos sempre exemplo de fortaleza, motores de cambio e piares fundamentais na sociedade”. A profesora Romero convidou na súa intervención a apostar pola soberanía alimentaria, centrándose nos produtos frescos, de tempada e de proximidade.

A catedrática da USC dirixe a Cátedra do Pan e do Cereal, encamiñada cara á investigación, o fomento da docencia e a difusión de coñecemento no ámbito do pan e dos cereais; para o cal afonda na selección e produción de cereais autóctonos e do seu impacto na economía galega, no coñecemento da historia da elaboración do pan en Galicia, na promoción da investigación sobre a produción do pan galego e outros produtos derivados, así como na optimización dos procesos de panificación, aplicando metodoloxías innovadoras e alternativas para acadar un maior valor engadido dos produtos obtidos.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.02.2026.