Ir o contido principal
STG

A antiga Escola de Maxisterio de Lugo celebra cun acto oficial a súa conversión en Facultade de Formación do Profesorado

De esquerda a dereita, Francisco Rodríguez Lestegás, Manuel Puga, Juan Casares, Pedro García Herradón e Joaquín Marbán, durante o acto de cambio de denominación da Facultade de Formación do...
De esquerda a dereita, Francisco Rodríguez Lestegás, Manuel Puga, Juan Casares, Pedro García Herradón e Joaquín Marbán, durante o acto de cambio de denominación da Facultade de Formación do...
O reitor da USC presidiu a cerimonia académica, que serviu tamén para homenaxear os responsables da dirección do centro nos últimos 45 anos

O reitor da USC, Juan Casares, presidiu en Lugo o cambio de nome da antiga Escola de Maxisterio, que desde decembro de 2011 pasou a denominarse oficialmente Facultade de Formación do Profesorado tras a súa adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior. Casares destacou o feito de que este centro “sexa o primeiro en celebrar oficialmente o seu cambio de denominación, o que dá proba da súa sensibilidade e da capacidade para facer as cousas doutro xeito que dan tantos anos de experiencia e traxectoria”. “Como escola, e agora como facultade, este centro deu moito á nosa universidade, e estamos seguros de que así seguirá sendo no futuro”, concluíu o reitor da USC. Baixo o título ‘De Escola Normal de Mestres a Facultade de Formación do Profesorado. 1842-2011’, o acto académico serviu tamén para facer un percorrido pola historia deste centro que, desde a súa creación hai 170 anos, foi obxecto de sucesivos cambios de localización e nome ata a súa recente conversión en Facultade. Francisco Rodríguez Lestegás, actual decano o centro, foi o encargado de rememorar os momentos e as persoas máis relevantes deste longo período. No acto interveu tamén o presidente do Consello Social da USC, Manuel Puga Pereira. Para Puga, “a equiparación deste centro co resto de facultades é un xesto de dignificación para esta profesión e para a institución en xeral, xa que é aquí onde unha das razóns de ser da universidade, a transmisión de coñecementos, se concreta máis claramente”. Homenaxe aos últimos directores Como parte do acto, o director do centro entre 1967 e 1979, Joaquín Marbán Román, deu lectura ao relatorio ‘Sobre la comunicación’. Na súa intervención, Marbán falou da importancia da comunicación acción formativa, e aclarou as diferenzas entre instrución e educación e entre saber e coñecer. Con motivo desta transformación en Facultade, levouse a cabo un acto de homenaxe ás seis persoas que estiveron á fronte da institución nos últimos 45 anos. Ademais do propio Joaquín Marbán Román, recoñeceuse o labor de Dolores Suárez Fernández, José Manuel Vez Jeremías, José Antonio García Gandoy, Eugenio Otero Urtaza e Modesto Rodríguez Neira. O reitor da USC, Juan Casares, entrega un agasallo a un dos ex directores do centro homenaxeados no acto

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.03.2012.