'Aprendendo cos nosos maiores', lema das III Xornadas Interxeracionais rurais
As III Xornadas Interxeracionais Rurais estarán dedicadas nesta nova edición ao tema ‘Aprendendo cos nosos maiores’ coa finalidade de seguir avanzando na constitución dun espazo de reflexión e debate para as persoas maiores do municipio de Xermade, onde se vai celebrar o encontro os vindeiros días 2, 9 e 16 de xuño.
Estas xornadas, que coorganiza a Facultade de Ciencias da Educación da USC xunto co mencionado concello, diríxense fundamentalmente aos maiores da localidade co obxecto de ofrecerlle charlas, presentarse ofertas de programas, visitas e festas culturais. Pero ademais, o encontro está deseñado para que os máis novos e os maiores poidan desenvolver un traballo en conxunto “xa que un dos grandes desexos e legados dos nosos maiores é que sexan escoitados e podernos transmitir todo o que aprenderon durante a súa vida”, sinalan os responsables das xornadas.
O programa das xornada mesturan un amplo abano de actividades entre as que figuran unha exposición de xoguetes tradicionais, as II Xornadas Chairegas do Xogo Popular e Tradicional, as III Festa da Roza ou un encontro virtual entre os veciños de Cabreiros e doutras localidades próximas. Ademais celebraranse diversas sesións nas que se lle presentará aos asistentes o IV Ciclo da USC ou a programación social e cultural de Xermade, entre outros temas.
Os estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e da Escola Universitaria de Maxisterio de Lugo poderán validar a súa asistencia a estas xornadas cun crédito de libre configuración.