Aprendizaxe práctica sobre o funcionamento da Bolsa
A Facultade de Administración e Dirección de Empresas (ADE) do Campus de Lugo promove o segundo Curso Práctico de Bolsa que terá lugar do 22 ao 26 de novembro e cuxo prazo de inscrición está aberto deica este venres 19. Esta actividade formativa estará impartida polo asesor de investimentos en Bolsa Miguel Ángel López Mendo, quen conducirá o curso dun xeito eminentemente práctico co emprego dunha linguaxe sinxela. A iniciativa está dirixida a estudantes de todos os cursos e non se precisan coñecementos previos sobre o mundo da bolsa para participar dela.
Os diferentes aspectos do curso trataranse dun xeito pormenorizado dende cuestións máis xenéricas como a relación da economía coa Bolsa e a interpretación dos procesos económicos ata temas máis concretos como a interpretación da información privilexiada á hora de facer movementos, o factor monetario e o factor humano. A repercusión da medidas económicas restritivas e das medidas de reactivación así como as fases do boom económico precederán a unha análise técnica acompañada dun estudo da prensa económica e dos valores da Bolsa na actualidade.
O curso, que se celebrará en horario de tarde, é responsabilidade do profesor José Federico García Fernández e as persoas interesadas deben formalizar a matrícula no local de estudantes desa facultade no campus lucense.