Ir o contido principal
STG

A Área de Deportes da USC oferta cursos intensivos para os meses de xuño e xullo

A Área de Deportes da USC oferta numerosas actividades deportivas durante todo o ano
A Área de Deportes da USC oferta numerosas actividades deportivas durante todo o ano
O prazo de inscrición xa está aberto para membros da comunidade universitaria

A Área de Deportes da USC convoca para os meses de xuño e xullo cursos intensivos para os seus usuarios/as. Xa está aberto o prazo de inscrición para membros da comunidade universitaria e a partir do día 12 ábrese ao público en xeral. A oferta de cursos intensivos inclúe clases para a mellora da condición física, ximnasia de mantemento, Aerobic, Zumba, e Ioga, Tai-chi, Kung Fu e Pilates, que se desenvolverán en diferentes horarios de mañá e tarde e en instalacións como o Estadio de Atletismo, a Residencia Universitaria do Monte da Condesa, a Facultade de Filoloxía ou o Pazo de Fonseca. O prezo de matrícula varía segundo a actividade, o tempo de duración e a categoría dos participantes. Estas actividades están dirixidas a maiores de 14 anos. Durante o mes de xuño tamén se impartirá un curso de natación na piscina cunha duración de 20 sesións establecéndose categorías diferentes para os nenos e nenas entre os 6 e os 15 anos e adultos a partir desta idade. As persoas interesadas tamén poden asistir aos cursos de tenis intensivos que se desenvolverán durante o mes de xullo nas instalacións da USC e para os que se abrirá o prazo de inscrición o día 19 de maio . Os cursos teñen unha duración de dez horas, a razón dunha hora diaria de luns a venres. Para inscribirse en calquera actividade deportiva é necesario estar dado de alta como usuario de deportes da USC e a matrícula debe formalizarse na Piscina Universitaria de 9.00 a 14.00 horas ou na web www.usc.es/gl/servizos/deportes/santiago/actividades/matricula.html. Xa está aberto o prazo de inscrición para membros da comunidade universitaria. O resto de persoas poderán acceder ás prazas que queden libres a partir do vindeiro día 12 de maio, cando se abrirá o prazo de inscrición para o público en xeral.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.05.2014.