Ir o contido principal
STG

A Área de Deportes da USC organiza unha ruta de sendeirismo dende o Monte Galiñeiro ao Monte Aloia

Ademais este servizo, dependente da Vicerreitoría de Cultura, informa que aínda quedan prazas dispoñibles en varias actividades de lecer

A Área de Deportes, dependente da Vicerreitoría de Cultura da USC, organiza unha ruta de sendeirismo prevista para o vindeiro sábado, día 24, cun trazado que unirá o Monte Galiñeiro e o Parque Natural do Monte Aloia. O itinerario ten unha lonxitude de once quilómetros cun desnivel e un grao de dificultade medios. Nesta ruta, os participantes realizarán ademais unha visita ao Centro de Interpretación do Parque.
As persoas interesadas poderán inscribirse nas oficinas da Área de Deportes ata o mércores 21. Os membros da comunidade universitaria e os ex estudantes deberán aboar quince euros en concepto de inscrición mentres que o prezo para o persoal alleo á USC é de vinte euros.
As saídas realizaranse dende as instalacións da Piscina Universitaria no Campus Sur ás 9:00 horas, tendo previsto o regreso a Santiago ao redor das 18:30 horas. Ademais, o mércores anterior á ruta celebrarase unha xuntanza ás 20:00 horas nas oficinas da Área de Deportes, tamén na Piscina.
Actividades de lecerPor outra banda, este servizo da USC informa que aínda quedan prazas dispoñibles nas actividades de danza do ventre, escola de lombo, iniciación á relaxación dinámica e nas clases exclusivamente destinadas a fortalecer os glúteos, abdominais e pernas, coñecidas coas siglas GAP. Todos estes cursos non só se dirixen á comunidade universitaria, senón que poden tamén participar persoas alleas á USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.03.2007.