Ir o contido principal
STG

Arranca en Filoloxía o seminario de traballo ‘Literatura europea e canon’

Está integrado nun proxecto europeo que busca definir un canon da literatura europea

‘Literatura europea e canon’ é o título dun seminario de traballo que este mércores 16 comeza na Facultade de Filoloxía organizado no marco do proxecto europeo ‘University and school for a European Literary Canon’, que apoia un consorcio que integran universidades e centros de investigación de Italia, Romanía, Alemaña, Portugal e España. Ademais, no desenvolvemento do proxecto, en calidade de entidades adheridas dende España, están implicados cinco institutos de ensino secundario de Santiago e outros dous de Madrid e Castelló, a Universidade Complutense e o Grupo Voz Audiovisual. De Santiago concretamente, participan os institutos Rosalía de Castro, Antón Fraguas, Pontepedriña, Lamas de Abade e Xelmírez I. ‘University and school for a European Literary Canon’ pretende ser un taller experimental do que emanen propostas para a construción dun canon da literatura europea, que involucre tanto ás universidades como aos centros de ensino secundario e á opinión pública en xeral. Segundo explican os seus promotores, a iniciativa está presidida pola idea de que literatura debería contribuír á educación dos mozos da Europa actual e á formación da conciencia de que Europa comparte unha herdanza cultural común. A partir desta idea, os responsables do proxecto consideran que sería posible favorecer a medio prazo a progresiva introdución nos programas académicos de cada país, dun corpus común de autores e de obras da literatura europea que abarque as diferentes literaturas nacionais. Trátase de realizar unha achega a prol de impulsar a Europa dos pobos a través de argumentos relativos á identidade, á historia, á cultura e, en particular, á literatura que vinculan e comparten os cidadáns europeos Programa

A xuntanza arrancará este mércores 16 ás 12:00 horas na Sala de Reunións da Facultade de Filoloxía cun encontro de traballo do proxecto europeo. Xa pola tarde, a partir das 17:00 horas, o seminario trasladarase ao IES Rosalía de Castro onde Roberto Antonelli, da Università degli Studi di Roma ‘La Sapienza’, presentará o proxecto á comunidade educativa do centro. A sesión completarase cun coloquio cos profesores dos centros asociados ao proxecto que se estenderá á xornada do xoves 17.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.02.2011.