Arranca en Lugo o ciclo de encontros sobre a crise ‘Na Encrucillada’ co relatorio de Xavier Vence Deza
O xoves 15 dá comezo o ciclo de relatorios e mesas ‘Na encrucillada’ coa charla-coloquio ‘As causas da crise e o fracaso das políticas neoliberais’ a cargo do catedrático de Economía Aplicada da USC Xavier Vence Deza. Este primeiro encontro, que enmarcará o resto de actividades previstas para os meses de marzo e abril, desenvolverase no salón de actos da Escola Politécnica Superior a partir das 19.00 h. ‘Na encrucillada’ é unha iniciativa que xurdiu desde as comisións de normalización lingüística do Campus de Lugo, ás que posteriormente se foron unindo outros colectivos de docentes, investigadores, persoal de servizos e estudantes. Nas distintas datas que compoñen o ciclo analizarase a situación de crise actual desde as súas diferentes vertentes (económica, social, educativa, informativa, de valores...), co punto de partida común da universidade como institución xeradora de coñecemento e reflexión. Os seus responsables explican as razóns que os levaron á posta en marcha deste foro de debate: “A crise económica na que estamos inmersos está propiciando un cambio radical na concepción do mundo e no xeito de relacionarnos, e semella que chegou tan por sorpresa que moitas veces non comprendemos ata que punto nos está afectar e cara a onde nos conduce. Cremos que a universidade ten a obriga de establecer un lugar para a reflexión, unha análise conxunta que nos axude a saír ben parados desta encrucillada”. Outras citas O ciclo continúa o xoves 22 coa intervención do xuíz galego Luís Villares Naveira, maxistrado no Tribunal Superior de Xustiza de Euskadi, quen presentará o seu relatorio ‘A crise da xustiza e a xustiza da crise’. Esta segunda cita terá lugar na Facultade de Formación do Profesorado, tamén ás 19.00 horas. Xa no mes de abril as conferencias deixan lugar ás mesas redondas. A primeira delas, centrada “ no modelo de universidade que debera xurdir do proceso de catarse que se deriva desta conxuntura económica”, celebrarase na Facultade de Veterinaria o xoves 12 de abril. Finalmente, o xoves 19 de abril o ciclo péchase cunha mesa redonda sobre información e medios de comunicación na Facultade de Humanidades. En función do interese suscitado por estas catro citas xa programadas, non se desbota a posibilidade de organizar “novos encontros nos que seguir debatendo sobre a situación económica desde outras perspectivas”. Os coordinadores manteñen actualizado un blog (http://naencrucillada.blogspot.com) ao que van subindo as novidades relacionadas coa iniciativa, así como contas nas diferentes redes sociais.