Arranca en Lugo a oitava edición do Curso de Primavera da USC, dedicado á cultura e ao legado escrito do último milenio
Unha excursión o martes 1 de maio ás localidades de Bretoña, Lourenza e Mondoñedo é o punto de partida do VIII Curso de Primavera da USC, que se desenvolve ata o sábado 5 na capital lucense. Este ano os organizadores do curso propoñen unha viaxe a través das pegadas que os seres humanos foron deixando en forma de palabra escrita nos últimos mil anos, baixo o título ‘ OH LVX! Vida e Letras Milenarias (Lugo 1012-2012)’. “Este ano presentamos unha temática moi ampla e que abrangue moitas disciplinas, pero co nexo en común da palabra como herdanza que os nosos devanceiros nos foron deixando na lingua, nos libros, nas pedras ou nos nomes de lugar”, explica Mª Concepción Fernández López, profesora da Facultade de Humanidades e directora do curso. A organización incorporou ao título do curso unha destacada efeméride: a lauda sepulcral de San Xoán de Tirimol, unha das pezas conservadas no Museo Provincial de Lugo, chega ao seu primeiro milenio de existencia desde que fora gravada no ano 1012. Sobre esta lauda tratará un dos relatorios das xornadas, nas que participan profesores da USC e doutros centros universitarios e de investigación, que afondarán nos avances acadados en ámbitos como o estudo da linguaxe oral e literaria, a toponimia e o poboamento da área lucense, a arqueoloxía e a paleografía, a edición de textos, a análise das fontes nas investigacións históricas ou a conservación do patrimonio artístico. Xornada inaugural Logo da excursión do día 1, o mércores 2 comezan as sesións no salón de actos da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo. Ás 11.00 horas levarase a cabo a inauguración do encontro, na que participan o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; o deputado da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro; o coordinador da Área de Cultura da Delegación da Xunta de Galicia en Lugo, José Carlos Rodríguez Andina; a decana da Facultade de Humanidades, Mª Isabel González Rey; e a directora do curso, a profesora Mª Concepción Fernández López. Así mesmo, no decurso do acto de inauguración procederase á presentación das actas da edición anterior do curso por parte do profesor Carlos Baliñas, un dos seus coordinadores. No resto da xornada, e en horario de mañá e tarde, sucederanse unha serie de relatorios, a cargo da profesora da Universidad Complutense de Madrid Ana Moure Casas (‘Exeria: problemas filolóxicos’) e dos profesores da Facultade de Humanidades da USC Mª Concepción Fernández López, Eva Mª Castro Caridad e José Mª Anguita Jaén, quen falarán sobre a lauda de Tirimol, a tradición milenaria na escritura da muller e diversas inscricións milenarias lucenses, respectivamente. Os días 3 e 4 os relatorios tamén se desenvolverán na Facultade de Humanidades, mentres que a xornada de clausura, o sábado 5, terá lugar no Museo Provincial. Este curso forma parte das actividades do programa Lugo Cultural 2012, organizado pola USC coa colaboración da Deputación e o Concello de Lugo e a Xunta de Galicia.