Ir o contido principal
STG

A Asociación de Antigos Alumnos de Farmacia celebra este sábado a súa asemblea xeral no Colexio de Fonseca

María José Alonso, catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica, será nomeada Farmacéutico Exemplar da Asociación
María José Alonso, catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica, será nomeada Farmacéutico Exemplar da Asociación
Nesta mesma sesión a asociación nomeará a María José Alonso Farmacéutica Exemplar 2015 e entregará as súas insignias aos asociados distinguidos

A Asociación de Antigo Alumnos de Farmacia celebra este sábado 16 a súa Asemblea Xeral no Salón Nobre do Colexio de Fonseca nunha sesión na que imporá a partir das 12.30 horas a súa insignia de prata aos asociados distinguidos e nomeará farmacéutica exemplar 2015 á profesora e investigadora María José Alonso. Os asociados distinguidos nesta edición serán Mª Asunción Lamas Aneiros, José Miñones Trillo, Florencio Moreno García e Ricardo Sánchez Tamés, antigos profesores da Facultade de Farmacia da USC. Por outra banda, a asociación nomeará Farmacéutica Exemplar 2015 a María José Alonso, catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica formada na USC e que tamén ten traballado na Universidade París Sur, na Universidade de Angers e no Instituto Tecnolóxico de Massachussets (MIT). Dende o ano 1992 lidera un laboratorio de investigación pioneiro no ámbito da nanomedicina. Ten dirixido e coordinado proxectos de investigación financiados por entidades de relevancia internacional como a OTAN, a OMS, a Comisión Europea ou a Fundación Bill & Melinda Gates. O impacto do seu traballo permitiulle alcanzar o noveno posto no ráking mundial de Times Higher Education na área de Farmacoloxía e Toxicoloxía en 2011. Ademais figura como inventora en 20 patentes, na súa maioría licenciadas á industria farmacéutica. Este recoñecemento súmase a outros como o premio Jaume I de novas tecnoloxías, o Maurice Marie Janot da Sociedade Internacional de Tecnoloxía Farmacéutica, o premio Novoa Santos, o premio Josefa Wonenburger e a medalla do Consello Xeral de Colexio Farmacéuticos. Ademais é académica da Real Academia Nacional de Farmacia, da Academia de Farmacia de Galicia e da Real Academia Galega de Ciencias. Foi vicerreitora de Investigación e Innovación e asesora do Ministerio de Ciencia e Innovación e do Ministerio de Sanidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.05.2015.