A Asociación CAF de Lugo organiza unhas xornadas sobre desenvolvemento sostible
A Asociación Comités Abertos de Facultade do Campus de Lugo (CAF) organiza as ‘Xornadas sobre alternativas para un desenvolvemento sostible’ que se celebrarán do 10 ao 13 de maio no Auditorio da Facultade de Veterinaria.
As xornadas pretenden achegar á comunidade universitaria un maior coñecemento sobre os recursos do monte e o mundo rural polo que os relatorios tratarán temas como os aproveitamentos complementarios do monte, o silvopastoreo, a micoloxía ou a biomasa, entre outros. Ademais tamén se realizarán varias actividades prácticas como visitas a explotacións do sector.
O delegado provincial de Medio Rural da Xunta de Galicia, Emilio López Pérez, a decana da Facultade de Veterinaria, Ana Bravo del Moral, e o coordinador docente da actividade e membro do Departamento de Produción Vexetal, Antonio Rigueiro Rodríguez, asistirán á sesión inaugural que se celebrará o xoves 10, ás 12:00 horas. Xa na quenda da tarde, ás 16:00 horas o profesor da EPS Ignacio García González analizará a micoloxía en Galicia, tema co que proseguirá Manuela Bujn Saco, da empresa Porto-Muíños que comercializa cogomelos. Para rematar o programa do primeiro día, Araceli Carballeira, da Asociación Forestal de Galicia, falará sobre o desenvolvemento da biomasa forestal.
A inscrición é gratuíta, podéndose facer nas conserxerías de Veterinaria ou da EPS e foi recoñecido cun crédito de libre configuración para os asistentes.