Ir o contido principal
STG

A Asociación Española de Climatoloxía reúne na USC a 200 especialistas para afondar no cambio climático

Ata o venres 21, a xuntanza conformará un espazo de referencia para o intercambio, debate científico e difusión sobre as ciencias atmosféricas. FOTO: Santi Alvite
Ata o venres 21, a xuntanza conformará un espazo de referencia para o intercambio, debate científico e difusión sobre as ciencias atmosféricas. FOTO: Santi Alvite
A edición número doce do congreso da AEC servirá ata o venres de marco para a presentación de 123 contribucións científicas
Santiago de Compostela

O congreso ‘Retos do cambio climático: impactos, mitigación e adaptación’ botou a andar este mércores 19 no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia. Este foro, organizado conxuntamente por USC e UVigo, constitúe a edición número doce do congreso da Asociación Española de Climatoloxía (AEC).

Ata o venres 21, a xuntanza conformará un espazo de referencia para o intercambio, debate científico e difusión sobre as ciencias atmosféricas e, particularmente, o cambio climático. Especialistas en física, bioloxía, ou xeografía, entre outras disciplinas, participan neste foro que reúne a 200 persoas procedentes de Chile, Brasil, Colombia, Perú, México, Inglaterra, Portugal ou Andorra. Ao longo desta semana o congreso servirá de marco para dar a coñecer 123 contribucións científicas.

O vicerreitor de Política Científica da USC, Vicente Pérez Muñuzuri, presidiu o acto inaugural no que tamén interviñeron Mila Castro, concelleira en materia de Medio Ambiente do Concello de Santiago; Estrella Gutiérrez Marco, en representación da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET); a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Xunta de Galicia, María Sagrario Pérez Castellanos; Domingo F. Rasilla, presidente da AEC; e Alberto Martí Ezpeleta, integrante do comité organizador. 

O relatorio de Jesús Fidel González Rouco da Universidade Complutense de Madrid, titulado ‘Reconstrucións e simulacións do último milenio: experiencias para a simulación do cambio climático futuro’ serviu de punto de partida para o foro. Modelos e escenarios climáticos; variabilidade, extremos e riscos climáticos; océanos e sistemas naturais; ou clima, saúde, economía e sociedade, son algúns dos bloques temáticos que integran o congreso. Os profesores da USC Alberto Martí, Dominic Royé e Alejandro Díaz Poso organizan o evento xunto con Nieves Lorenzo da UVigo.

Público asistente ao acto. FOTO: Santi Alvite
Público asistente ao acto. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.10.2022.