Ir o contido principal
STG

A Asociación Europea de Psicoloxía e Dereito celebra en Galicia o seu congreso anual por vez primeira

O vicerreitor Victor Arce presidiu a sesión inaugural celebrada este mércores en Psicoloxía
O vicerreitor Victor Arce presidiu a sesión inaugural celebrada este mércores en Psicoloxía
Menores, violencia de xénero, saúde psicolóxica ou comportamento criminal entre os temas que se abordarán ata o sábado 20 na Facultade de Psicoloxía da USC
Santiago de Compostela

A Asociación Europea de Psicoloxía e Dereito (AEPD) celebra estes días na Facultade de Psicoloxía da USC o seu congreso anual, evento que se celebra por vez primeira en Galicia e por segunda en España nos últimos trinta anos. Especialistas de todo o mundo exporán ata o vindeiro sábado 20 os últimos avances nos diferentes temas nos que converxan a Psicoloxía e o Dereito, o que o converte nunha das conferencias de referencia para académicos/as, persoal investigador e profesionais de ambos eidos. Este encontro internacional está organizado nesta ocasión pola Unidade de Psicoloxía Forense da USC e a propia AEPD.

Nun acto protocolario celebrado este mércores na Facultade de Psicoloxía da USC, baixo a presidencia do vicerreitor de Estudantes e Internacionalización, Víctor Arce, participaron, xunto a un nutrido grupo de especialistas, o presidente do Comité organizador e catedrático da USC, Ramón Arce; o director xeral de Xustiza da Xunta de Galicia, Juan José Martín; a concelleira de Educación de Santiago, Noa Díaz; a presidenta da Asociación Europea de Psicoloxía Xurídica, Renate Volvert; o vicedecano de Psicoloxía da USC, Santiago Galgo, e a decana do Colexio de Psicólogos de Galicia, Rosa Álvarez.

O programa do Congreso está organizado arredor de cinco conferencias plenarias, dez simposios cinco sesións e unhas dúas centas comunicacións. Nel achegarán as súas contribucións especialistas de España, Portugal, Francia, Reino Unido, Australia, Polonia, Lituania, Israel, Italia, Estados Unidos, Alemaña, Sudáfrica, Suíza, Finlandia, Xapón, Eslovenia ou Países Baixos, entre outros.

A Psicoloxía Xurídica -tamén denominada Psicoloxía Legal, Psicoloxía Xudicial ou Psicoloxía Forense- é unha disciplina definida pola aplicación da Psicoloxía á intersección entre esta e a lei. Esta confluencia explica que estea conformada pola asociación dos múltiples ámbitos nos que ambas disciplinas poden entrar en contacto: psicoloxía xurídica do menor, da familia, psicoloxía policial, xudicial e das forzas armadas, psicoloxía penitenciaria, preventiva do delito ou vitimoloxía ou mediación, entre outros posibles eidos.

No programa do congreso inclúese unha ampla representación destas áreas, coa inclusión de intervencións relativas aos perfís de risco nos casos de menores; violencia de xénero; avaliación de tutela e custodia ou mediación de coordinación parental; atención e intervención con vítimas, violencia de xénero ou violencia sexual; avaliación da saúde psicolóxica e detección do engano; e estudo do comportamento criminal, tratamento e intervención con delincuentes e agresores, entre outros temas.

No congreso presentaranse 200 comunicacións

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.12.2019.