Ir o contido principal
STG

A Asociación Galega de Onomástica presenta os dous primeiros volumes da súa Biblioteca

'Actas do I Congreso Internacional de Onomástica Galega' e 'Onomástica histórica dunha parroquia galega: Berdoias (1607-2000). Os nomes masculinos'

A Asociación Galega de Onomástica, que ten a súa sede no Instituto da Lingua Galega da USC, presentou este venres os dous primeiros volumes da súa colección ‘Biblioteca Galega de Onomástica’. Trátase das Actas do I Congreso Internacional de Onomástica Galega, organizado pola Asociación promotora, a RAG e o Ilga, e de Onomástica histórica dunha parroquia galega: Berdoias (1607-2000). I Os nomes masculinos, de Xosé Mª Lema Suárez.
Na presentación, que se desenvolveu na Facultade de Filosofía, interviñeron a directora do Instituto da Lingua Galega, Rosario Álvarez; o responsable da Sección de Onomástica da Real Academia Galega, Antón Santamarina; o presidente da Asociación Galega de Onomástica, Gonzalo Navaza; a editora da Actas e membro da AGOn, Luz Méndez; e o propio Xosé Mª Lema.
Actas do I Congreso Internacional de Onomástica GalegaNo Congreso Internacional de Onomástica Galega Frei Martín Sarmiento -a quen se lle dedicou o encontro por ser o precursor da onomástica en Galicia-, tivo lugar en Santiago entre o 2 e o 4 de setembro de 2002 e nel participaron 107 congresistas, dos que ao redor da metade presentaron comunicacións. Editada por Luz Méndez e Gonzalo Navaza, esta publicación presenta 56 artigos que reflicten o interese que a onomástica está espertando en Galicia.
A obra está estruturada en seis apartados (O Padre Sarmiento e a Onomástica, Toponimia, Antroponimia, Os outros nomes, Miscelánea e Proxecto Toponimia de Galicia), que corresponden ás distintas seccións do Congreso. Inclúense tamén a conferencia inaugural e a de clausura, impartidas respectivamente por dúas autoridades da filoloxía, Ramón Lorenzo e Jürgen Untermann.
Entre os artigos que conteñen estas actas destacan os de autores de prestixio internacional en onomástica como Dieter Kremer (Alemaña), Ivo Castro (Portugal), ou Enzo Caffarelli (Italia). Dos investigadores hispánicos figuran, entre outros, Ana Mª Cano (Asturias) e Josep Moran e Joan A. Rabella (Cataluña); e xa en Galicia Rosario Álvarez, Xesús Ferro, Gonzalo Navaza, Xosé L. Regueira, Marilar Alexandre, Ana Boullón, Xulio Sousa, Mª Xesús Nogueira ou Carlos Búa.
Ademais, recóllese o traballo dun bo número de investigadores novos interesados pola toponimia e a antroponimia e que ofrecen en ocasións traballos innovadores. Así, aparecen tres artigos sobre os nomes das vacas en distintos concellos de Galicia, pioneiros dentro da onomástica internacional. Son así mesmo precursores dentro da onomástica galega os traballos sobre os nomes dos barcos.
Como mostra da interdisciplinariedade que é característica dos estudos onomásticos hai achegas desde o punto de vista da historia ou do dereito. Unha presa de traballos toma como base a antroponimia medieval, os alcumes e os nomes de casa actuais, e a microtoponimia. Tamén hai aproximacións sobre un eido ata agora pouco traballado como é a onomástica literaria, que centran a atención en Harry Potter, Álvaro Cunqueiro ou a fraseoloxía.
Para finalizar, recóllense os artigos correspondentes á sección do congreso dedicada ao proxecto ‘Toponimia de Galicia’, traballo promovido pola Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia e o Sistema de Información Territorial de Galicia (SITGA).
Onomástica histórica dunha parroquia galega: BerdoiasNesta publicación, a primeira destas características que se realiza en Galicia, faise un percorrido minucioso polos libros de bautizados da parroquia de San Pedro de Berdoias (Vimianzo) desde o máis antigo, de principios do XVII, ata o ano 2000. Consígnanse todos os nomes dos nacidos e analízanse os masculinos, tendo en conta a evolución do sistema onomástico, coa introdución dos novos nomes mediante os cultos que a Igrexa Católica ía espallando, a relación destes coas clases sociais, a castelanización, etc. O libro vai acompañado dun CD-Rom onde se recolle a información pormenorizada de cada un dos 161 nomes estudados.
Por medio dos cadros e gráficos que nel se conteñen, compróbase que, mentres que nos séculos XVII e XVIII os nomes de Juan, Domingo e Andrés eran os máis frecuentes nos bautizados, nos séculos XIX e XX víronse repentinamente substituídos por José e Manuel. O de Andrés aínda permanece no terceiro lugar no século XIX pero no XX cámbiase por Jesús, un nome que ata 1866 ninguén se atrevía a poñer a un neno, por tomarse como irreverencia utilizar o nome de Cristo dar nome a un humano (tamén pasara outro tanto con Manuel no século anterior).
O libro empeza cunha análise da evolución das partidas de bautismo dos libros desde principios do século XVII, e dos datos que a elas se van incorporando, e remata cun apéndice documental onde se transcriben os textos das partidas máis representativas, tanto de nenos como de nenas, algunhas delas con curiosos datos sociolóxicos. Analízanse así mesmo os nomes máis antigos e os máis modernos, a causa das innovacións onomásticas de cada século (o nome do día de nacemento e/ou bautismo; a influencia dun crego oficiante; as novidades traídas da emigración e das modas, entre outros).
Tamén se indaga na publicación a existencia de ‘nomes-estigma’, nomes raros ou feos que algúns párrocos reservaban para os inocentes fillos e fillas de mulleres solteiras, para que estas quedasen avergonzadas por vida polo seu ‘pecado’. Hai tamén un amplo apartado para analizar a castelanización a e re-galeguización dos nomes desde principios do século XVII á actualidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.03.2007.