Ir o contido principal
STG

Ataliba Texieira, un dos referentes da lingüística internacional, fala en Santiago sobre transformacións e sistemas complexos

Ataliba Teixeira e Rosario Álvarez, na conferencia plenaria
Ataliba Teixeira e Rosario Álvarez, na conferencia plenaria
O III Congreso Internacional de Lingüística Histórica rende homenaxe no Paraninfo da Universidade aos catedráticos da USC Ramón Lorenzo e Antón Santamarina

O profesor da Universidade de Sâo Paulo Ataliba Teixeira de Castilho ofreceu este martes na Facultade de Filoloxía de Santiago a conferencia plenaria ‘Sistemas complexos e mudança lingüística’ no marco da segunda xornada do III Congreso Internacional de Lingüística Histórica.

Na súa intervención, Teixeira, “un dos referentes da lingüística internacional”, segundo indicou na súa presentación a presidenta do comité organizador do congreso, a profesora da USC Rosario Álvarez, repasou as características dos catro sistemas da lingua: o léxico, a semántica, o discurso e a gramática. A conferencia plenaria do profesor e lingüística brasileiro Ataliba Teixeira serviu para pechar o programa matinal da segunda xornada do Gallaecia, III Congreso Internacional de Lingüística Histórica. Xa en quenda de tarde, congresistas participaron en cursos específicos, presentacións de comunicacións, así como en diferentes foros de debate, para logo, a partir das 20.00 horas, no Paraninfo da Universidade, render unha homenaxe a Ramón Lorenzo e Antón Santamarina, dous dos fundadores do ILG e catedráticos da USC, no que será o acto central deste congreso. O director do Instituto da Lingua Galega (ILG) e secretario do congreso, o tamén catedrático da USC Ernesto González Seoane, comentou respecto dos homenaxeados que “é unha honra para min ter a oportunidade de traballar durante tantos anos con dous mestres como eles, dúas persoas fundamentais na defensa da lingua galega e da relación entre investigadores lusos, brasileiros, galegos e do resto do mundo; dous pioneiros no desenvolvemento da lingüística”, dixo. O programa da terceira xornada do III Congreso Internacional de Lingüística Histórica inclúe mañá unha conferencia plenaria a cargo do catedrático de Lingüística Románica na Cátedra de Linguas Románicas da Universidade de Zúrich e membro correspondente da Real Academia Galega, Johannes Kabatek, quen ofrecerá un relatorio baixo o título ‘Novas visualizacións dos datos linguísticos’. O responsable do equipo Pessoa na Facultade de Letras de Lisboa, Ivo Castro, pechará o xoves o Gallaecia III Congreso Internacional de Lingüística Histórica cunha intervención baixo o título ‘Os de Vasconcellos’. Despois, no Hotel Monumento San Francisco de Santiago, celebrarase un xantar de clausura.

Este foro internacional de debate sobre a historia e o desenvolvemento da lingua galega e portuguesa, organizado conxuntamente polo Instituto da Lingua Galega (ILG) da USC en colaboración co Instituto das Letras da Universidade Federal de Bahía e a Cátedra de Estudos Galegos da Universidade de Sâo Paulo, reúne ata o xoves en Compostela a máis de 400 investigadores nos distintos ámbitos da lingüística portuguesa e galega procedentes das tres universidades de Galicia, así como doutras instituciónes e centros académicos de investigación de Portugal e Brasil.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.07.2015.