Ir o contido principal
STG

A Aula de Emprendedores da USC comeza a súa actividade

O proxecto da Cátedra Bancaja Mozos Emprendedores da USC, que se presenta este martes, diríxese a estudantes universitarios e licenciados

Lograr que os estudantes universitarios tomen conciencia do papel que eles mesmos xogan e que o desenvolvemento da actitude emprendedora é clave para afrontar con éxito o mercado laboral. Esta é a finalidade da Aula de Emprendedores, que organiza a Cátedra Bancaja Mozos Emprendedores da USC, cuxo programa de actividades se presenta este martes 1 de febreiro na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago. O reitor da Universidade compostelán, Juan Casares; o conselleiro de Economía e Industria da Xunta, Javier Guerra; a decana de Económicas, María Emilia Vázquez; e a directora da Cátedra Bancaja, Loreto Fernández, participan na presentación do programa a partir das 12:00 horas, na Aula C da facultade compostelá. De feito, Javier Guerra, empresario e antigo alumno da USC, impartirá unha conferencia sobre o ‘Espírito e actitude emprendedora: a clave do teu futuro profesional’ antes da presentación da actividade da Aula Emprendedores 2011. Os estudantes e licenciados, de xeito preferente os dos últimos anos, que desexen participar neste proxecto deben realizar a preinscrición entre o 4 e o 14 de febreiro a través da páxina web da USC. O día 15 publicarase a lista oficial de admitidos e a actividade iniciarase o 17 de febreiro e estenderase ata o 27 de abril, con diversos talleres formativos tanto dentro como fóra das aulas. O programa da Aula Emprendedores será tamén presentado no Campus de Lugo, o mércores 2 de febreiro, na Facultade de Administración e Dirección de Empresa e na Escola Técnica Superior de Enxeñaría do Campus Vida (Santiago) o xoves 3. Cátedra Bancaja En decembro de 2007, a USC e a Fundación Bancaja asinaron un convenio para creación da Catédra Bancaja Mozos Emprendedores, dirixida ao emprendemento feminino. Organizar e celebrar accións formativas, desenvolver programas de investigación, apoiar a publicación de monografías e impulsar a creación de empresas constitúen as principais liñas de traballo da Cátedra Bancaja.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.01.2011.