Ir o contido principal
STG

A Aula Novos Emprendedores inicia a súa programación 2012 cunha presentación en Ciencias Económicas e Empresariais

A presentación celebrouse na Aula B de Ciencias Económicas e Empresariais
A presentación celebrouse na Aula B de Ciencias Económicas e Empresariais

A Aula Novos Emprendedores 2012 presentou á comunidade universitaria a súa programación para esta primeira metade do ano cun acto que presidiu o reitor Juan Casares este mércores 1 de febreiro na Aula B da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Xunto a el, asistiron ademais a decana do centro, Emilia Vázquez Rozas, a directora xeral de BIC Galicia, Maite Cancelo, e a directora da Cátedra Bancaja da USC, Loreto Fernández. Nesta xornada de presentación celebrouse unha mesa de emprendedores que contou coa testemuña de Iago Pazos e Marcos Cerqueiro de Abastos 2.0, Carlos Fernández de Moonbite-games e de Xacobe Sanz co proxecto Ilusiones Mágicas.

A proxección dun vídeo de presentación da Aula Novos Emprendedores precedeu á descrición detallada do abano de iniciativas que se van desenvolver ao longo deste primeiro semestre do ano. A continuación, un grupo de alumnos da Aula presentou diversas iniciativas emprendedoras acubilladas arredor do Club Emprende MAS o que deu paso ao peche da sesión na que se incluía un espectáculo de maxia.

O programa de desenvolvemento do potencial emprendedor, un seminario sobre a posta en marcha de proxectos emprendedores, un ciclo de experiencias profesionais sobre o exercicio da profesión na empresa e visitas a empresas e viveiros e charlas con emprendedores son algunhas das actividades que a Cátedra Bancaja de Novos Emprendedores da USC desenvolverá neste primeiro semestre de 2012. Son un conxunto de propostas coas que se busca mellorar a empregabilidade dos estudantes e apoiar a súa formación integral.

Todas estas actividades desenvolveranse agrupadas na Aula Novos Emprendedores concibidas como unha iniciativa destinada ao estudantado con espírito emprendedor que busca un complemento á súa formación técnica de cara a un futuro profesional dentro da empresa, segundo se puxo de manifesto na presentación, con especial atención ao desenvolvemento das habilidades sociais e directivas.

Potencial Emprendedor
Do abano de propostas que se ofrecerán ao conxunto do alumnado, o Programa de Desenvolvemento do Potencial Emprendedor representa a iniciativa nuclear. As actividades deste programa desenvolveranse dentro e fóra das aulas cunha metodoloxía de aprendizaxe a través da experiencia, baseada na propia vivencia dos participantes de situacións reais nas que aplicar as competencias traballadas. Os distintos módulos impartiranos profesionais da formación in-company e desenvolvemento de competencias sociais e directivas, así como expertos da área de recursos humanos e responsables de procesos de selección de persoal.

O Programa estenderase dende o 15 de febreiro ata o 27 de abril organizado en dous itinerarios, sobre ‘Competencias do intraemprendedor: integración do rol profesional’, entre o 15 de febreiro e o 16 de marzo cunha carga lectiva de 35 horas; e sobre ‘Competencias do emprendedor-promotor’, do 21 de marzo ao 27 de abril ao longo de 40 horas.

No seu desenvolvemento están involucradas entidades que traballan no ámbito do emprendemento como BIC Galicia, o Colexio de Economistas da Coruña, a Cámara de Comercio de Santiago, a Confederación de Empresarios de Lugo ou a Asociación para o Progreso da Dirección (APD). As persoas interesadas xa poden formalizar a súa preinscrición ata o 10 de febreiro. Debido á metodoloxía empregado, o número total de prazas está limitado a 30.

Outras actividades
Xunto esta, a Cátedra Bancaja da USC promoverá outras actividades destinadas a calquera persoa, pertenza ou non ao ámbito universitario, interesada no mundo do emprendemento, aínda que terán preferencia quen xa estea a participar en calquera outro dos programas de formación da Cátedra.

Así, está programado o seminario ‘Da idea á empresa: posta en marcha de proxectores emprendedores’, deseñado coa intención de sensibilizar e mentorizar aqueles proxectos que poden converterse en empresas, como unha vía para o fomento do autoemprego. É unha actividade pensada para estudantes de últimos anos de grao ou posgrao e titulados/as que teñan unha idea de proxecto empresarial e desexen convertela en realidade. O seminario terá unha duración de entre 15 e 25 horas cuxas datas de celebración se anunciarán coa suficiente antelación.

‘O exercicio na profesión na empresa’ é o lema que adoptará o ciclo de experiencias profesionais, unha proposta formativa que dará a coñecer as diversas traxectorias ou carreiras profesionais que poden desenvolverse dentro do ámbito do sector empresarial. Adoptará a forma dun ciclo de conferencias entre os meses de marzo e abril coa participación de empresarios e directivos que compartirán a súa experiencia particular.

Tamén está prevista a celebración de visitas a empresas e aos viveiros da Cámara de Comercio e da Confederación de Empresarios de Lugo e ao edificio Emprendia da USC, onde poderán participar nunha charla coloquio con spin-offs da Universidade compostelá.

Ligazóns relacionados:

De esquerda a dereita, Maite Cancelo, Juan Casares, Emilia Vázquez e Loreto Fernández

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.02.2012.