Ir o contido principal
STG

A Aula Novos Emprendedores presentará a súa programación para 2012 en Ciencias Económicas e Empresariais

A Aula Novos Emprendedores 2012 presentará á comunidade universitaria a súa programación para esta primeira metade do ano cun acto que presidirá o reitor Juan Casares este mércores 1 de febreiro na Aula B da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Xunto a el, asisten ademais a decana do centro, Emilia Vázquez Rozas, e a directora da Cátedra Bancaja da USC, Loreto Fernández. Nesta xornada de presentación, de entrada libre e que inclúe un obsequio para todos/as asistentes, haberá unha mesa de emprendedores que contará coa testemuña de Iago Pazos e Marcos Cerqueiro de Abastos 2.0, Carlos Fernández de Moonbite-games e de Xacobe Sanz co proxecto Ilusiones Mágicas.

A proxección dun vídeo de presentación da Aula Novos Emprendedores precederá á descrición detallada do abano de iniciativas que se van desenvolver ao longo deste primeiro semestre do ano. A continuación, un grupo de alumnos da Aula presentará diversas iniciativas emprendedoras acubilladas arredor do Club Emprende MAS o que dará paso ao peche da sesión na que se inclúe un espectáculo de maxia.

O programa de desenvolvemento do potencial emprendedor, un seminario sobre a posta en marcha de proxectos emprendedores, un ciclo de experiencias profesionais sobre o exercicio da profesión na empresa e visitas a empresas e viveiros e charlas con emprendedores son algunhas das actividades que a Cátedra Bancaja de Novos Emprendedores da USC desenvolverá neste primeiro semestre de 2012. Son un conxunto de propostas coas que se busca mellorar a empregabilidade dos estudantes e apoiar a súa formación integral.

Todas estas actividades desenvolveranse agrupadas na Aula Novos Emprendedores concibidas como unha iniciativa destinada ao estudantado con espírito emprendedor que busca un complemento á súa formación técnica de cara a un futuro profesional dentro da empresa, segundo se puxo de manifesto na presentación, con especial atención ao desenvolvemento das habilidades sociais e directivas.

Ligazóns relacionados:

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.01.2012.