Ir o contido principal
STG

A Aula de Produtos Lácteos organiza un curso sobre seguridade alimentaria

A Aula de Produtos Lácteos (APL) da USC organiza para vindeira semana un curso sobre seguridade alimentaria que engloba nos seus contidos a elaboración, manipulación e distribución de alimentos. Esta xornada, na que colabora a Asociación Española de Normalización e Certificación (AENOR), pretende sensibilizar aos distintos axentes da cadena alimentaria sobre os protocolos internacionais de normalización e certificación para este sector.
A xornada está dirixida a directivos, responsables e profesionais do sector agroalimentario en xeral, e lácteo en particular, que poderán formalizar a súa matrícula ata o vindeiro mércores18.
O programa comeza o venres día 20, ás 9:30 horas, coa intervención do coordinador da APL, Juan Méndez Dónega. Seguiranlle os relatorios da directora da Área de Calidade de Serviguide, Paz López Moure, sobre as normas UNE-EN-ISO 22000 e do técnico de certificación do Sistema AENOR, Luis Gonzalo García Borné, sobre a normalización e a certificación no sistema agroalimentario. Ás 12:30 horas será a quenda dos inspectores veterinarios oficiais da Consellaría de Sanidade da Xunta de Galicia, Fernando Franco Benito e Jacinto Ramos Echániz, que falarán sobre a ‘Relación entre os controis sanitarios oficiais e os sistemas de acreditación’.
A xornada rematará cunha mesa redonda onde profesionais do sector comentarán a súa experiencia na implantación e certificación dun sistema de xestión de seguridade alimentaria. Participarán a responsable de Calidade e o director de Leche de Galicia, Josefa García López e Daniel Fuhrer, respectivamente; e o xefe de fábrica e a encargada de Calidade e Medio Ambiente da Corporación Alimentaria Peñasanta, Francisco Cordero Castedo e María Luisa Val Penelas, respectivamente.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.04.2007.