Ir o contido principal
STG

Os avances químicos e tecnolóxicos na conservación do patrimonio cultural reúnen nun congreso en Compostela especialistas de todo o mundo

Imaxe de arquivo dunha intervención no patrimonio
Imaxe de arquivo dunha intervención no patrimonio
O 5º Congreso Internacional TechnoHeritage2024 desenvolverase do 25 ao 27 de setembro no Paraninfo da Universidade
Santiago de Compostela

A Rede Española de Ciencia e Tecnoloxía para a Conservación do Patrimonio Cultural (TechnoHeritage) volve celebrar en Santiago o seu congreso internacional, logo da primeira edición en 2012. Nesta ocasión, o 5º Congreso Internacional TechnoHeritage2024 desenvólvese conxuntamente ao 1º Encontro Bienal do Grupo Especializado de Química para o Estudo e Conservación do Patrimonio Cultural (GEQP) da Real Sociedade Española de Química (RSEQ).

Esta cita científica terá lugar do 25 ao 27 de setembro no Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia, un escenario perfecto para o intercambio de coñecementos e ideas en ciencia, con especial relevancia da química e tecnoloxía, para a Conservación do Patrimonio, servindo de inspiración e marco incomparable para discusións sobre Ciencia e Arte. 

O congreso está organizado polas tres universidades galegas, concretamente polos investigadores e docentes da USC Patricia Sanmartín, membro do CRETUS, e Massimo Lazzari, investigador do CiQUS e coordinador estatal da Rede; por Santiago Pozo, da UVigo, presidente do Congreso; e por Jorge Sanjurjo, da UDC. Conta ademais coa colaboración da presidenta do GEQP-RSEQ e profesora da Universidade do País Vasco, Maite Maguregui.

Entre as persoas convidadas a impartir relatorios sobre temas de relevancia no campo da conservación do patrimonio atópanse José Delgado, que realizou gran parte da súa investigación no Laboratorio Nacional de Enxeñaría Civil en Lisboa e compartirá a súa visión sobre o desenvolvemento da ciencia de conservación do patrimonio cultural durante as últimas cinco décadas, ou Francesca Cappitelli, da Universidade de Milán, que tratará o papel dos microorganismos no estado de conservación do patrimonio. Pola súa banda, Silvia Prati, da Universidade de Bologna, centrarase no desenvolvemento de materiais de limpeza ecolóxicos, e Matija Strlič, da Universidade de Ljubljana e da Universidade College London, reflexionará sobre a importancia da experiencia olfativa nos lugares de exposición como os museos.

Agárdase a presenza de 180 investigadores procedentes de Europa, América, Asia e África, principalmente de España, Italia e Portugal pero tamén de Reino Unido, República Checa, Estados Unidos, México, Ecuador, Brasil, Perú, Arabia Saudí ou Singapur. A alta participación permitiu elaborar un programa que contén outras tantas achegas en forma de 6 relatorios, 35b presentacións orais  e 120 pósters.

Ademais das universidades, o encontro conta co patrocinio da Xunta de Galicia, da Real Sociedade Española de Química, dos centros de investigación CIQUS e CRETUS da USC e CINTECX da UVigo, así como de empresas do sector como KBYO bilogical, Clyde HSI, Antares instrumentación, TESELA, agaragar e cienytech. Para os organizadores, “o apoio recibido por parte do ámbito empresarial indica a necesidade de crear este tipo de foros nos que se visibilicen os avances nas metodoloxías e tecnoloxías orientadas a conservar e restaurar o patrimonio cultural tanxible”. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.10.2024.