A AVTE abre o prazo de presentación de propostas para programas de valorización de resultados
A Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC lanza unha nova edición dos programas de valorización de resultados ‘Acelerador de Transferencia’ e ‘Estímulo á Transferencia de Coñecemento en Ciencias Sociais, Humanas, Xurídicas e Artísticas’, ambos diferenciados por áreas de coñecemento pero co obxectivo común de avanzar no proceso de maduración de resultados de investigación, facilitando a súa transferencia para que teñan impacto social e económico real. O prazo de solicitudes para ambas as dúas convocatorias está aberto ata o 11 de marzo.
O programa ‘Acelerador de Transferencia’ está dirixido a persoal investigador e grupos de investigación das áreas de Ciencias, Enxeñería, Arquitectura e Ciencias da Saúde, que teñan identificado algún resultado de investigación con potencial de transferencia.
Serán susceptibles de recibir o apoio do Acelerador aquelas propostas que, entre outros requirimentos, conten con investigación previa sobre a solución técnica que se pretende desenvolver, que o seu grao de desenvolvemento sexa TRL3 ou TRL4, que identifiquen claramente unha oportunidade de aplicación social e/ou económica dese novo coñecemento e que aborde unha necesidade aliñada cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, incluíndo a perspectiva de xénero.
Os proxectos seleccionados contarán co asesoramento do persoal técnico da AVTE e o financiamento poderá chegar ata 35.000 euros por un período de execución do proxecto que pode ir de 3 a 8 meses.
Programa de Estímulo á Transferencia de Coñecemento
O programa de estímulo vai dirixido a persoal investigador e grupos de investigación das citadas áreas de Ciencias Sociais, Humanas, Xurídicas e Artísticas da USC que nas súas actividades teñan xerado resultados con potencial de transferencia á sociedade.
Serán susceptibles de recibir o apoio deste programa aquelas propostas que conten cunha traxectoria previa de investigación que teña xerado novo coñecemento, metodoloxías de traballo ou calquera outro resultado novidoso e con potencial de aplicación e que identifiquen claramente unha oportunidade de aplicación económica e/ou social dese novo coñecemento que aborde unha necesidade aliñada cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, incluíndo a perspectiva de xénero.
Os proxectos seleccionados contarán co asesoramento do persoal técnico da AVTE e o financiamento poderá chegar ata 20.000 euros por un período de execución do proxecto que pode ir de 3 a 8 meses.