Ir o contido principal
STG

Barreiro aposta pola proxección exterior e a internacionalización da Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo

Villasante, Casares, Barreiro e Losada, na Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo
Villasante, Casares, Barreiro e Losada, na Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo
Os profesores Fernando Losada e Sebastián Villasante completan o novo equipo de dirección da primeira decana deste centro universitario

A profesora do Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da USC Begoña Barreiro Fernández aboga pola internacionalización da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo a través dunha maior proxección exterior do centro para así captar máis alumnos de grao e posgrao e mellorar a súa posterior inserción laboral.

Barreiro Fernández adiantou estas ideas no transcurso da súa toma de posesión como decana da Facultade de ADE nun acto académico presidido polo reitor da USC, Juan Casares, na Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo. Os vicerreitores do campus de Lugo, Pedro García Herradón, o de Profesorado e Titulacións e Persoal Docente e Investigador, Jesús López; o de Economía e Infraestruturas, Sara Cantorna, e o vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación, Pablo Ramil tamén estiveron presentes nun acto académico ao que asistiron o director da Escola Politécnica e a práctica totalidade dos decanos/as do campus lugués. A presidenta da Axencia pola Calidade do Sistema Universitario Galego (Acsug), Patrocinio Morrondo, e o secretario Xeral de Universidades, José Díez de Castro, foron outras das autoridades políticas presentes no público asistente, entre os que tamén estaba o exreitor Senén Barro, acompañado de quenes foron membros do seu equipo. O reitor da USC, Juan Casares, salientou a concurrida presencia de profesores e cargos académicos na súa intervención, na que tamén fixo fincapé no “compromiso” da nova decana da Facultade de Administración e Dirección de Empresas, á que se referiu como “unha boa coñecedora da realidade da Universidade de Santiago”. Agradeceu tamén o bo traballo desenvolvido polo equipo saínte, encabezado polo profesor Luis Gago, ao tempo que destacou a “boa marcha” da Facultade de ADE, que “ano tras ano medra en número de matriculados de grao e que debe agora artellar un programa de doutoramento de seu”. A primeira decana da Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo, destacou na súa intervención que unha das prioridades do seu mandato como decana será a de traballar para afondar se cabe máis no contacto e na relación directa do centro universitario coa sociedade na que se atopa e para a que traballa. A busca da excelencia na docencia, a través da mellora continúa, e a progresiva consolidación do profesorado no centro son outros dos cometidos a prol dos que traballará o novo equipo decanal da Facultade de ADE, destacou Barreiro, que tamén defende a creación dunha unidade de apoio á investigación para fomentar a investigación multidisciplinar no centro universitario do campus de Lugo. O profesor da área de Comercialización e Investigación de Mercados Fernando Losada, que actuará como vicedecano, e Sebatián Villasante, do Departamento de Organización de Empresas, en calidade de secretario, completan o novo equipo decanal da Facultade de ADE. Estes dous profesores, integrados nunha candidatura conxunta e de consenso liderada por Begoña Barreiro, chegan ao decanato da facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo logo de recabar o respaldo maioritario da comunidade universitaria. A nova decana da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo asume este novo cargo logo de ter acreditada xa unha ampla experiencia en xestión académica, ben como vicerreitora adxunta no campus de Lugo, secretaria da facultade que agora dirixe durante o decanato de José Díez de Castro ou como coordinadora do curso de posgrao propio da Universidade de Santiago Xestión de Cooperativas Agroalimentarias e Pemes. Os membros do novo equipo decanal da Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo con integrantes do goberno da USC

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.01.2013.