Ir o contido principal
STG

Beatriz Pelaz, galardoada co Premio Nacional de Investigación para Xoves 2024

Beatriz Pelaz no CiQUS. Foto: CiQUS
Beatriz Pelaz no CiQUS. Foto: CiQUS
A profesora e investigadora do CiQUS da USC recibe o maior recoñecemento en España para persoal investigador novo na modalidade ‘Felisa Martín Bravo’

A profesora e investigadora do Centro Singular en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago Beatriz Pelaz vén de ser distinguida nos Premios Nacionais de Investigación 2024, o recoñecemento máis importante de España no ámbito da investigación científica, que concede o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Pelaz gañou este galardón na modalidade ‘Felisa Martín Bravo’ para persoal científico de ata 40 anos que ten alcanzado logros destacados nas áreas das ciencias físicas, dos materiais e da terra.

"Síntome moi agradecida de recibir este galardón que supón un recoñecemento a unha traxectoria e un esforzo non só meu senón de moitas persoas que estiveron comigo neste camiño", sinala a investigadora, quen dende o ano 2017 co lidera o grupo BionanoTools no CiQUS.

O Ministerio de Ciencia recoñece con este premio “a excelencia e calidade do seu traballo con marcado recoñecemento internacional e o seu liderado e independencia científica no ámbito dos nanomateriais avanzados con aplicacións terapéuticas”. Na súa investigación destacan o control das propiedades fisicoquímicas dos materiais para determinar o seu comportamento biolóxico e o desenvolvemento dunha nova tecnoloxía para a modificación da superficie de nanopartículas mediante o uso de origamis de ADN.

Os premios
Os Premios Nacionais de Investigación contan con 20 modalidades dotadas con 30.000 euros cada unha e concédense mediante un procedemento de concorrencia competitiva. A ministra de Ciencia, Innovación e Universidades destacou o talento das persoas premiadas, “cuxa ciencia de excelencia no só contribúe ao progreso e benestar da sociedade senón tamén ao fortalecemento do noso país”. Ademais, salientou que esta edición conta co maior número de mulleres premiadas ata hoxe, un logro significativo tras anos de menor representación feminina nas candidaturas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.10.2024.