Ir o contido principal
STG

Begoña Barreiro toma posesión o 16 como decana da Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo

Fernando Losada, como vicedecano, e Sebastián Villasante, en calidade de secretario, completan o novo equipo de dirección do centro

A profesora do Departamento de Organización de Empresas e Comercialización, Begoña Barreiro Fernández, tomará posesión o mércores 16 xaneiro como nova decana da Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo no transcurso dun acto que se celebrará ás 13.00 horas na Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, que estará presidido polo reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares. Begoña Barreiro, que se converte así na primeira muller que ocupa o decanato da Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo, sucede no cargo ao profesor Luis Gago logo de encabezar unha candidatura de consenso que recabou un respaldo maioritario no devandito centro universitario. O profesor da área de Comercialización e Investigación de Mercados Fernando Losada Pérez, que actuará como vicedecano, e Sebatián Villasante Larramendi, do Departamento de Organización de Empresas, en calidade de secretario, completan o novo equipo decanal da Facultade de ADE. A internacionalización do centro universitario, a través dunha maior proxección exterior da Facultade de Administración e Dirección de Empresas e tamén do contacto e a relación directa coa sociedade, constitúen dous dos obxectivos programados pola nova decana. A busca da excelencia na docencia, a través da mellora continúa, e a progresiva consolidación do profesorado no centro son outros dos cometidos a prol dos que traballará o novo equipo decanal de ADE, destacou Barreiro, que tamén pretende a creación dunha unidade de apoio á investigación para fomentar a investigación multidisciplinar no centro. Begoña Barreiro chega ao decanato da facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo logo de ter acreditada xa unha ampla experiencia en xestión académica, ben como vicerreitora adxunta no campus de Lugo, secretaria da facultade de ADE ou como coordinadora do curso de posgrao propio da Universidade de Santiago Xestión de Cooperativas Agroalimentarias e Pemes.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.01.2013.