Ir o contido principal
STG

Benedito Castellote achega a Real Academia de Ciencias Veterinarias de España á realidade do sector en Galicia

José Luis Benedito, no seu discurso de ingreso na RACVE
José Luis Benedito, no seu discurso de ingreso na RACVE
O catedrático da USC e presidente do Colexio de Veterinarios de Lugo formaliza o seu ingreso na entidade como académico numerario cunha lección sobre o desafío metabólico das vacas, na que salienta a alimentación e o equilibrio nutricional como elementos chave para a saúde, a fertilidade e a produción leiteira destes ruminantes
Lugo, Santiago de Compostela

O catedrático da área de Cirurxía e Medicina Animal da USC na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo José Luis Benedito Castellote achega a Real Academia de Ciencias Veterinarias de España (RACVE) á realidade dos profesionais que desenvolven o seu labor en Galicia, logo de formalizar o ingreso como académico numerario especialista na sección de Medicina Veterinaria cunha lección sobre o desafío metabólico das vacas, na que puxo de manifesto a importancia da alimentación e do equilibrio nutricional deste ruminante como elemento chave para a saúde e a prevención de enfermidades, a fertilidade e o bo rendemento da súa produción leiteira.

O tamén presidente do Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo, que é o único representante de Galicia na Real Academia de Ciencias Clínicas Veterinarias de España, institución da que é titular da medalla número 50, aproveitou asemade a súa intervención diante do presidente da entidade, Arturo Anadón Navarro, e dos demais membros da xunta de goberno da RACVE para reiterar a súa lealdade á institución e o seu agradecemento por “unha distinción que me honra”.

No seu discurso de ingreso, Benedito Castellote puxo o foco na gran influencia que ten a nutrición sobre as altas producións leiteiras e a saúde dos animais. Así, tras relacionar a condición corporal da vaca (grao de obesidade ou delgadeza) coa súa fertilidade e logo de lembrar a importancia da suplementación de aminoácidos esenciais para mellorar a función inmunolóxica e a liberación de estrés, o novo académico numerario fixo fincapé na necesidade de manter o equilibrio proteico na alimentación das vacas de alta produción leiteira.

Benedito Castellote abordou na súa lección a tipoloxía de respostas que ofrece o organismo da vaca ante posibles desequilibrios nutritivos e nos diversos estados de xestación, lactación, transición... e fronte aos que o manexo nutricional se antolla como un aspecto fundamental. O catedrático da Área de Cirurxía e Medicina Veterinaria no Campus de Lugo da USC aseverou neste senso que “as enfermidades das vacas están máis ligadas co seu manexo nutricional que con factores xenéticos”. Aínda así, precisou o novo académico numerario, “as vacas de máis produción leiteira teñen unha maior predisposición a presentar enfermidades metabólicas, reprodutivas e inmunes”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.04.2022.