Ir o contido principal
STG

O benestar das persoas, clave no éxito de cooperativas, sociedades laborais e centros especiais de emprego

Xoán Doldán, esquerda, Eleva Rivo, Carmen Rodríguez, Gumersindo Feijoo e Maite Cancelo participaron no acto central na USC da V Semana Universitaria da Economía Social. FOTO: Santi Alvite
Xoán Doldán, esquerda, Eleva Rivo, Carmen Rodríguez, Gumersindo Feijoo e Maite Cancelo participaron no acto central na USC da V Semana Universitaria da Economía Social. FOTO: Santi Alvite
O acto central na USC da V Semana Universitaria da Economía Social desenvolveuse na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais coa explicación dos modelos de negocio de varias entidades e a inauguración da mostra sobre a historia do sector en Galicia

“O benestar das persoas” é a clave no éxito das empresas da Economía Social: así se puxo de relevo este mércores na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais compostelá, na inauguración da V Semana Universitaria da Economía Social, que presidiu o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da USC, Gumersindo Feijoo, acompañado pola conselleira en funcións de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, Elena Rivo; o decano da Facultade, Xoán Doldán e a directora do Centro de Estudos Cooperativos de Galicia (CECOOP), Maite Cancelo, así como pola vicepresidenta do Foro da Economía Social Galega, Carmen Rodríguez.

O acto central da semana comezou coa apertura na Facultade da exposición ‘Economía Social no corazón na nosa historia’, elaborada pola sociedade laboral DeHistoria para o Foro da Economía Social de Galicia. A continuación o vicerreitor Gumersindo Feijoo salientou a importancia cada vez maior das entidades que forman o eido da economía social e o decano Xoán Doldán puxo en valor o feito de que ata o 14 de marzo se vai traballar en “diferentes materias” de varios graos. A directora do CECOOP, Maite Cancelo, subliñou que é fundamental a colaboración entre administracións, universidade e sector empresarial para que continúe o desenvolvemento da Economía Social. A seguir, Carmen Rodríguez detallou algunhas das características das entidades do sector, como “axuda mutua, colaboración, compañeirismo, transparencia...”, para “buscar o beneficio para todas as persoas”.

Decontado tivo lugar a presentación dos modelos de negocio de varias entidades que se encadran nas principais familias da Economía Social galega. Asistiron Xaime López en representación de Urdime S. Coop. Galega; Rubén da Silva de Ozono Multimedia SLL, Luís Penido López do Centro Especial de Emprego Trameve e Víctor Manuel Blanco de Primicias Raíña EIL da Asociación Raíña Paraíso, empresa de inserción laboral.

Como parte da programación da Semana, ata o xoves 14 de marzo profesorado das facultades de Ciencias Económicas e Empresariais, Dereito e Relacións Laborais e do Grao en Intelixencia Artificial participarán en actividades baixo o lema ‘A Economía Social na Aula’. Docentes de varias materias dos graos de Economía, Administración e Dirección de Empresas, dobre grao de Dereito e Relacións Laborais e grao en Intelixencia Artificial abordarán o concepto e cuantificación da Economía Social galega desde o punto de vista da política económica, o dereito do traballo, o desenvolvemento económico e a sustentabilidade ou a econometría, incorporando de forma transversal estes conceptos nas clases interactivas das respectivas materias.

Completa o programa na USC a mostra bibliográfica ‘Construíndo xuntas a economía social: innovación feminina no cooperativismo’. Organizada pola Biblioteca da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e con motivo do 8 de marzo e a Semana Universitaria da Economía Social, é unha mostra con libros impresos na entrada da biblioteca e unha mostra virtual que recolle máis documentación sobre cooperativismo feminino a través do catálogo da BUSC.

En conxunto, na V Semana Universitaria da Economía Social, desenvolveranse 146 actividades en 33 universidades españolas e de Iberoamérica entre o 4 e o 14 de marzo; foi promovida polo Centro Internacional de Investigación e Información sobre a Economía Pública, Social e Cooperativa (CIRIEC-España), a través da Red ENUIES, de Centros e Institutos Universitarios de Investigación en Economía Social e da que forma parte o CECOOP da USC.

Parte do público asistente ao evento. FOTO: Santi Alvite
Parte do público asistente ao evento. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.03.2024.