Ir o contido principal
STG

A Biblioteca Intercentros lembra a Declaración sobre Bibliotecas e Liberdade Intelectual cunha escolma de libros prohibidos

Cantalapiedra e Varela Zapata, na presentación da escolma de libros obxecto de censura
Cantalapiedra e Varela Zapata, na presentación da escolma de libros obxecto de censura
A mostra, que inclúe preto de medio centenar de títulos que foron obxecto de censura, permanecerá aberta ata o vindeiro 5 de abril no vestíbulo da biblioteca

A Biblioteca Intercentros do campus de Lugo da USC conmemora a Declaración sobre Bibliotecas e Liberdade Intelectual, aprobada en La Haya o 25 de marzo de 1999 pola Federación Internacional de Asociacións de Bibliotecarios e Bibliotecas (IFLA), coa apertura do centro dun centro de interese no que se recolle unha selección de preto de medio centenar de libros que foron obxecto de prohibición ou censura.

A directora da Biblioteca Intercentros da USC, Julia Cantalapiedra, e o profesor do Departamento de Filoloxía Inglesa da USC na Facultade de Humanidades Jesús Varela Zapata conduciron este mércores acto de apertura desta mostra de publicacións que foron obxecto de censura, unha escolma de títulos que inclúe volumes de temática e xéneros moi diversos e que permanecerá aberta ata o 5 de abril de 2014 no campus lugués. Moitos dos títulos incluídos no centro de interese ‘Libros Prohibidos’ son obras maestras da literatura universal que, ao longo da historia, foron obxecto de prohibición por moi diversas razóns. Cada unha das publicacións incluídas nesta selección conta tamén cunha ficha indicativa na que se dá conta dos anos e do período histórico durante o que o texto foi censurado e tamén das razóns que motivaron a prohibición da súa lectura, indicou Cantalapiedra. Rspecto da selección de títulos feita pola Biblioteca Intercentros do campus de Lugo da USC para incluír neste centro de interese ‘Libros Prohibidos’, Julia Cantalapiedra apuntou algúns como El Arte de Amar, de Ovidio; El Lazarillo de Tormes, Madame Bovary, La Esmorga ou, entre outros, Los Viajes de Gulliver. O profesor Varela Zapata, quen precisamente ten realizado un estudo sobre Los Viajes de Gulliver, sinalou que os procesos e causas de prohibicións e censuras son diversos e responden a causas moi distintas. A autocensura do propio creador, cuestións políticas, relixiosas... son elementos que inciden ou poden afectar á prohibición dunha publicación, indicou o profesor Varela Zapata, quen tamén sinalou as persoas que se ocupan da tradución das obras como axentes censores, capaces de omitir ou modificar contidos da obra orixinal. A apertura deste centro de interese de libros prohibidos constitúe, segundo dixo Varela Zapata, unha mostra máis dos amplos fondos bibliográficos cos que conta a Biblioteca Intercentros, que, lonxe de ser un mero centro depositario de libros, “actúa como unha biblioteca moderna e dinámica para achegar a lectura a todas as persoas”. Os títulos das publicacións incluídas nesta selección de libros censurados permanecen a disposición de todas as persoas interesadas na súa lectura, segundo indicou a directora da Biblioteca Intercentros, quen precisou que esta iniciativa pode incluso animar ás persoas lectoras a solicitar en préstamo obras que foron obxecto de censura.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.03.2015.